Mancomún
http://www.mancomun.org/images/stories/galpon_animales_small.png Na web de GALPon recórdannos que o próximo 15 de setembro é o día mundial da liberdade de software e que GALPon se apuntará a dito evento.
Para iso, e seguindo coa liña da festa que fixeron o ano pasado, vai organizar unha churrascada, ademais de participar nas competicións dentro do equipo GNU/Linux Galicia da páxina http://www.softwarefreedomday.org a que invitan a calquera persoa.
 
Máis información no wiki de GALPon

 

SFD logo

Fonte orixinal da nova:
http://www.galpon.org

Logo da compra de ATI por parte de AMD, comezan a ser visibles os primeiros resultados. En primeiro lugar, ATI vai publicar a vindeira semana o novo controlador para GNU/Linux das súas tarxetas que, polo que semella, vai mellorar en moito o desempeño do anterior controlador. Ademais rumoréase que ATI pode estar pensando en liberar as especificacións das súas tarxetas, que proporcionaría un controlador libre con soporte para dous dimensións e coas funcións básicas para que o soporte de tres dimensións sexa creado pola comunidade mentres ATI continuaría co seu controlador privativo. Se estas dúas novas fanse realidade, GNU/Linux e o resto de sistemas operativos libres avanzarán nun campo especialmente importante nestes momentos…

Fontes:

The Inquirer
lwn.net

A Consellería de Innovación e Industria asinará un convenio de colaboración coa Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) para a realización do Dicionario Enciclopédico Galego das TIC, que incluirá os termos e definicións conceptuais referentes ás Tecnoloxías da Información e das Comunicacións. Esta ferramenta terá unha gran importancia á hora de consolidar un vocabulario para a adaptación de ferramentas libres ao galego.

O proxecto contará coa colaboración técnica e científica da Escola Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación de Vigo e a colaboración lingüística da Real Academia Galega.

A produción do dito dicionario desenvolverase en tres anos e aloxarase nos dominios de Internet das dúas asociacións citadas e da Real Academia Galega, actualizándose de xeito permanente, e creándose no seu entorno grupos de traballo para o desenvolvemento conxunto da lingua e das tecnoloxías.

Asemade, celebraranse catro seminarios lingua-tecnoloxía en cidades galegas, co propósito de difundir este proxecto a través dos medios de comunicación e incorporar, ao mesmo tempo, a personalidades locais dos ámbitos de interese.

http://www.mancomun.org/images/OpenOffice/imaxe%20120%20x%20120%20entrelazado.pngA Rede de Dinamización da Sociedade da Información e os concellos do Porriño e de Salceda de Caselas, en colaboración con Mancomun.org, acollerán o curso de Bases de Datos que será impartido no Centro Neural do Centro Multiusos de Torneiros do Porriño en horario de 20:00 a 23:00 horas entre os días 10 e 26 deste mes.

O obxectivo que se pretende acadar é que as persoas asistentes adquiran coñecementos de nivel avanzado na creación e xestión de Bases de Datos co OpenOffice.org Base. Farase especial fincapé no emprego do Software Libre como unha alternativa válida e eficaz ao software privativo.

Unha reportaxe do diario El Pais cóntanos como a ONG nixeriana Fantsuam Foundation fabrica os seus propios computadores que serven para achegar a sociedade da información á poboación rural do país africano. Estes equipos funcionan baixo GNU/Linux e aplicacións libres empregando enerxía solar para o seu funcionamento.

O Solo Computer resiste as difíciles condicións de calor e po da zona contén unha pantalla LCD e electrónica encastadas nun marco de madeira procedente de bosques reforestados da zona. É un produto da empresa inglesa Exp LAN.

O Software Libre permite ademais dar resposta ás necesidades lingüísticas de Nixeria a través da localizacións de programas libres.

http://www.mancomun.org/images/banners/rede-dinamizadores-banner-rotate.jpg A Asociación de Empresarios de O Ceao dentro do programa Rede de Dinamización da Consellaría de Innovación e Industria continúa no mes de setembro coas cápsulas tecnolóxicas, pequenos cursos gratuítos relacionados con Internet dirixidos a todos os traballadores e empresarios do polígono industrial de O Ceao. O obxectivo das cápsulas tecnolóxicas é acercar as novas tecnoloxías aos traballadores e empresarios de O Ceao a través de cursos de curta duración co obxectivo de optimizar o seu tempo e que poidan asistir a unha ou a todas segundo as súas necesidades.

A continuación detállanse as datas dos 11 eventos xunto cun breve resumo de cada unha das cápsulas tecnolóxicas. Todos os cursos terán unha duración de 2 horas e terán lugar de 20:00 a 22:00 h (a non ser que se indique o contrario):

Mellora a navegación por Internet: Mozilla Firefox e Mozilla Thunderbird
Data: luns 10 de setembro de 2007.
Contido: Optimiza a navegación por Internet. Melloras que nos ofrecen outros navegadores. Alternativas ao Internet Explorer e Outlook Express.

Correo electrónico: como combater o correo lixo
Data: martes 11 de setembro de 2007
Contido: Que é o correo lixo? Por que nos chega correo lixo? Ferramentas para combatelo. Ligazóns de interese.

Para ver todos o programa premendo en ler máis ou na seguinte ligazón: Programa cápsulas tecnolóxicas setembro [PDF]

Ferramentas Google: gmail, iGoogle, Google Maps, Google Docs…
Data: mércores 12 de setembro de 2007.
Contido: Ferramentas gratuítas que nos proporciona Google. Nocións básicas e funcionamento de cada unha delas. Ligazóns de interese.

Wikipedia, a enciclopedia libre e gratuíta
Data: xoves 13 de setembro de 2007
Contido: Que é a Wikipedia? Nocións básicas e funcionamento da Wikipedia. Ligazóns de interese.

Software libre, programas de balde e competitivos
Data: luns 17 de setembro de 2007.
Contido: Que é o software libre? Conceptos do software libre. Principais programas libres e gratuítos. Conceptos do sistema operativo Linux. Toma de contacto co sistema operativo e outros programas libres.

Wifi, segredos das redes inalámbricas
Data: martes 18 de setembro de 2007
Contido: Que é unha wifi? Nocións básicas e funcionamento das redes sen fíos. Como crear a nosa propia rede sen fíos. Que ter en conta á hora de crear unha rede sen fíos? Breves conceptos de seguridade.

Por que é importante que a miña empresa teña páxina web?
Data: mércores 19 de setembro de 2007
Contido: Conceptos de páxina web. Vantaxes e beneficios de que a miña empresa teña páxina web. Pasos a seguir á hora de desenvolver un proxecto web. Principais características da páxina web. Recursos para ter a miña propia web gratis.

Sinatura dixital e facturación electrónica
Data: xoves 20 de setembro de 2007
Contido: Que é a sinatura dixital? Para que me serve? Crea a túa propia sinatura dixital. Que é a facturación electrónica? Beneficios da facturación electrónica.

Fotografía dixital. Retoca as túas fotos
Data: luns 24 de setembro de 2007
Contido: Conceptos da fotografía dixital. Como retocar as túas propias fotografías. Programas e enderezos de interese.

Crea a túa propia cápsula. Ven, pregunta e resolve as túas dúbidas
Data: xoves 26 de xullo de 2007
Horario: 20:00 a 22:00
Duración: 2 horas.
Contido: Ven e resolve as túas dúbidas relacionadas con Internet ou as novas tecnoloxías. Ven e pregunta.

OpenOffice.org. Procesador de textos, folla de cálculo, presentacións e outro software ofimático
Data: mércores 26 e xoves 27 de setembro de 2007
Horario: 20:00 a 22:00
Duración: 4 horas.
Lugar: Centro de Empresas e Innovación. Avda. Coruña, 490. Lugo.
Contido: Coñecer o OpenOffice.org. Explorar as posibilidades de OpenOffice. Valorar as posibilidades de migrar dende Microsoft Office.

 

Fonte orixinal da nova:
http://dinamiza.sociedadedainformacion.eu

http://www.mancomun.org/images/stories/xornadas_usc_2007.pngDo 20 ao 21 de setembro terán lugar as “Xornadas USC 2007” organizadas polo GLUG e AUSLUC no que participan tamén membros doutros grupos galegos coma GULO, AGNIX e tamén o director do proxecto TRISQUEL.

Estas terán lugar no Departamento de Electrónica e Computación da Universidade de Santiago de Compostela.

Serán de moito interese para todos aqueles usuarios de GNU/Linux que procuran novos coñecementos, xa que gran parte dos relatorios terán a forma de talleres prácticos.

O programa das “Xornadas USC 2007” é o seguinte:

  • Día 1 – Xoves (20 de setembro de 2007)
    • 10:30 – Tecnoloxías para un entorno vivo. Trisquel Live CD: Descrición do conxunto de técnicas precisas para construír un sistema “Live” para un cd, instalación por rede, clústeres instantáneos ou clientes lixeiros. Exemplo práctico e demostración con Trisquel GNU/Linux.
    • 16:00 – Proxecto Belenus, apuntes para a construción dun servidor solar autónomo despropósito: Presentación do Proxecto Belenus de construción e arquitectura dun servidor solar autónomo multifuncional
    • 18:00 – Servizo de Mensaxería propio: Ejabberd: Instalación e configuración dun servizo de mensaxería interna que permita enviar mensaxes off-record empregando o servizo jabber.

  • Día 2 – Venres (21 de setembro de 2007)
    • 10:30 – Instalación FreeBSD + servizos XAMP:
      • Instalación de FreeBSD
      • Configuración básica dun sistema BSD
      • Manexo e administración de FreeBSD
      • Instalación dos “servizos típicos” (*AMP)
    • 12:30 – Alternativas para a virtualización de redes de área local con Qemu
    • 16:30 – Introdución ás redes seguras con VPN’s e IPSEC
      • Descrición, instalación e configuración de redes seguras con VPN’s e IPSEC

Todos aqueles que esteades interesados en asistir as xornadas podedes inscribirvos premendo na seguinte ligazón.

Fonte: http://www.glug.es/Xornadas/

Geotools é unha biblioteca [[SIX]] de código libre que permite desenvolver solucións adaptadas aos estándares. Proporciona unha implementación das especificacións do Open Geospatial Consortium segundo van aparecendo.

Está escrito na linguaxe de programación Java e atópase actualmente cun desenvolvemento activo ao nutrirse dunha comunidade de usuarios moi dinámica. O seu deseño e concepción modular fai que numerosas implementacións de Software Libre no ámbito dos Sistemas de Información Xeográfica (SIX) fagan uso dos desenvolvementos de GeoTools.

 

Páxina oficial: http://geotools.codehaus.org/

DistroWatch non pode ser considerado como medidor do índice de uso de calquera distribución Linux, mais si é o sitio máis importante para saber a cantidade de descargas que se fan a través da internet da maioría de distribucións Linux. De aí que chame a atención que PCLinuxOS desbancase a Ubuntu do liderado en DistroWatch.

Varios anos estivo Ubuntu en primeiro lugar e rematou cos liderados de Mandrake, OpenSuSE e, repentinamente, de Fedora, a herdeira de Red Hat.

Os paquetes de PCLinuxOS foron creados por un desenvolvedor texano coñecido como «Texstar», quen traballou para Mandrake.

Algúns dos puntos a favor que nos ofrece esta distribución de paquetería RPM son o apt-get como xestor de software por defecto e Synaptic. É descendente de Mandrake mais sen os seus defectos de estabilidade e con paquetes de Red Hat. Para alén diso, se a tarxeta gráfica o admite, poder activar Beryl ou Compiz dunha forma moi sinxela.

Fonte:
http://bakara.wordpress.com/

Sociedade da InformaciónA Consellería de Innovación e industria promoverá a dinamización e a formación en tecnoloxías da información e da comunicación no rural a través da creación de centros dirixidos a esta fin. Nestes centros promoverase o emprego de aplicacións libres e en galego. Ademais implantaranse redes sen fíos de acceso público a internet en varios concellos do rural.

Os primeiros concellos que levarán a cabo esta iniciativa son Pol, Ribeira de Piquín, Riotorto e Mondoñedo a través dun convenio con Innovación. Empregaranse tecnoloxías Wifi, Wimax e VoIP para dar acceso ás TIC á poboación dos entidades de poboación rurais. 

O importe achegado a cada un destes tres concellos supera os 83.200 euros e o investimento total será de 1.165.000 euros para o conxunto de Galicia, pois vanse asinar un total de 14 convenios con outros tantos concellos do rural galego.
O 2 de setembro rematou o proceso da votación para publicar o borrador do estándar ISO/IEC DIS 29500, Information technology – Office Open XML file formats pola ISO. O resultado da votación é que o formato proposto por Microsoft non acadou os votos suficientes para a súa aprobación.

O ISO/IEC DIS 29500 foi publicado como estándar ECMA-376 e enviado en decembro de 2006 ao ISO/IEC JTC 1 para a súa adopción como estándar seguindo o procedemento rápido (fast-track). Este procedemento consiste na revisión durante un mes polos 41 comités nacionais do JTC1, comité técnico da ISO para as tecnoloxías da información, e despois unha votación durante 5 meses aberta a todos os comités nacionais do ISO e o IEC, un total de 104 países.

A aprobación precisaba que polo menos 2/3 dos votos dos membros do ISO/IEC JTC 1 foran positivos e que non houbera máis de 1/4 de votos negativos do total dos países participantes. Ningún destes criterios foi acadado pois só o 53% dos membros do JTC1 votou a favor e o 26% do total foron negativos.

En febreiro de 2008, na cidade suíza de Geneva, o subcomité do ISO/IEC JTC 1 (SC 34 , Document description and processing languages) organizará unha reunión de resolución da votación (BRM). O obxectivo desta reunión será revisar e buscar consenso nas posibles modificación ao documento ao abeiro dos comentarios recibidos acompañando aos votos. Se estas modificacións propostas son suficientes para que os comités nacionais varíen os seus votos negativos e con isto se cumpren os criterios arriba descritos procederíase á publicación do estándar.

Doutro modo, a proposición fracasaría e remataría este procedemento rápido de aprobación. Esto non excluiría que se reenviase seguindo o procedemento normal para o desenvolvemento de estándares ISO.

Fonte: Nota de prensa da ISO 

http://www.mancomun.org/images/stories/vdub_logo.pngVirtualDub acaba de lanzar a súa versión 1.7.3 dentro da versión experimental. A versión estable segue sendo a 1.6.19 dispoñible en versións tanto para 32 bits como para 64 bits que necesitan ter instalado a versión de 64 bits do sistema operativo Windows xa que, aínda que este software estea licenciado baixo a GPL, polo de agora só está dispoñible para Windows. Todas estas versións están dispoñibles na páxina de descargas de SourceForge.net.

VirtualDub está deseñado para a captura, procesamento e edición de vídeo, conseguindo resultados moi profesionais á hora de realizar efectos de postprodución nos nosos vídeos, sexa cal sexa o formato no que esteamos a traballar.

Dispón de centos de efectos especiais incluídos no programa, coma o blur, cambio de tamaño bicúbico, compensación de son, etc.. Ademais, a comunidade de usuarios desenvolveu todo tipo de complementos que nos permiten engadir novos efectos para mellorar e retocar os nosos vídeos…

 

Fonte da noticia:
Hispamp3.com

Páxina oficial do proxecto:
http://www.virtualdub.org

Dous departamentos do concello de Amsterdam investirán unha cantidade cercana aos 400.000 dólares na avaliación do emprego de escritorios Linux. A capital holandesa busca reducir custos e superar o monopolio do provedor polo que avalía diferentes alternativas. Ademais de Amsterdam outras nove cidades dos Países Baixos como Eindohven ou Groningen tamén poderían migrar parcialmente a sistemas libres.

O contrato actual do concello con Microsoft expira no 2008 e, aínda que a cidade non ten previsto cancelalo, si espera gañar en independencia e gastar menos en software propietario. Outras grandes cidades como Viena, Múnich ou Birmingham están xa implantando tecnoloxías libres.
Claws é un cliente lixeiro de correo para o contorno de escritorio Gnome desenvolvido en GTK2. Permite ter cabeceiras e firmas personalizadas nos correos, policromía que distingue entre se pertence a unha dirección web (Thunderbird require para iso unha extensión), ou é unha cita anterior á da mensaxe, non é necesario borrar a firma doutro remitente nas contestacións, xa que o cursor ponse xusto antes desta, posibilidade de utilizar varios dicionarios (esta tamén a prové Thunderbird con outra extensión). 
 

Pódense engadir funcionalidades ademais a través de diversos complementos.

O goberno da rexión alemana de Renania do Norte-Westfalia vén de chegar a un acordo con Novell para instalar as súas distribucións de GNU/Linux en 33 universidades do seu territorio. Deste xeito un 40% dos universitarios alemáns, máis de 800.000 estudantes, das rexións de Renania, Baviera e Turinxia terán acceso a este sistema operativo baixo o soporte de Novell. 

As razóns esgrimidas polo goberno rexional para este cambio foron a redución de custos, a flexibilidade e a independencia do provedor.
Linux Vault é un novo proxecto destinado a creación e centralización de toda a información GNU/Linux e invita a todo o mundo a participar neste novo proxecto.

Este [[Wiki]] recompilará artigos e información de todos os usuarios que desexen engadir manuais de administración, novas ferramentas, ou todo o que estea relacionado co mundo de GNU/Linux. Os idiomas nos que estará dispoñible esta nova Wiki de [[GNU]]/[[Linux]] son o inglés e o español.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal