O formato OOXML de Microsoft non foi aprobado como estándar

O 2 de setembro rematou o proceso da votación para publicar o borrador do estándar ISO/IEC DIS 29500, Information technology – Office Open XML file formats pola ISO. O resultado da votación é que o formato proposto por Microsoft non acadou os votos suficientes para a súa aprobación.

O ISO/IEC DIS 29500 foi publicado como estándar ECMA-376 e enviado en decembro de 2006 ao ISO/IEC JTC 1 para a súa adopción como estándar seguindo o procedemento rápido (fast-track). Este procedemento consiste na revisión durante un mes polos 41 comités nacionais do JTC1, comité técnico da ISO para as tecnoloxías da información, e despois unha votación durante 5 meses aberta a todos os comités nacionais do ISO e o IEC, un total de 104 países.

A aprobación precisaba que polo menos 2/3 dos votos dos membros do ISO/IEC JTC 1 foran positivos e que non houbera máis de 1/4 de votos negativos do total dos países participantes. Ningún destes criterios foi acadado pois só o 53% dos membros do JTC1 votou a favor e o 26% do total foron negativos.

En febreiro de 2008, na cidade suíza de Geneva, o subcomité do ISO/IEC JTC 1 (SC 34 , Document description and processing languages) organizará unha reunión de resolución da votación (BRM). O obxectivo desta reunión será revisar e buscar consenso nas posibles modificación ao documento ao abeiro dos comentarios recibidos acompañando aos votos. Se estas modificacións propostas son suficientes para que os comités nacionais varíen os seus votos negativos e con isto se cumpren os criterios arriba descritos procederíase á publicación do estándar.

Doutro modo, a proposición fracasaría e remataría este procedemento rápido de aprobación. Esto non excluiría que se reenviase seguindo o procedemento normal para o desenvolvemento de estándares ISO.

Fonte: Nota de prensa da ISO 

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal