Mancomún

IDABCO galego é a primeira lingua do estado en contar cunha tradución oficial da EUPL(European Union Public Licence), licenza da UE para desenvolvementos de Software Libre. Ademais é o primeiro idioma non oficial da Unión en dispoñer dunha tradución xurada deste documento.

Actualmente, ademais de ao galego, a EUPL está traducida ao inglés, francés e alemán . Podes descargar a EUPL na nosa sección de descargas e, en breve, estará referenciada desde a web do IDABC, entidade promotora da licenza.   

Dentro da súa liña de garantir a accesibilidade de todos os cidadáns europeos á administración electrónica o IDABC promove o emprego de Software Libre  e dos estándares abertos.

Misfit Model 3D é un editor de modelos 3D baseado en OpenGL. Ten soporte para desfacer accións en múltiples niveis, animacións baseadas en esqueletos, texturas simples, scripting, procesamento por lotes e un sistema de complementos para engadir novos modelos e filtros de imaxes (tamén inclúe unha completa axuda en liña).

Lista de cambios da última versión:

  • Reorganización dos menús.
  • Incluída unha ferramenta de rotación na ventá de coordinación de texturas.
  • Mellora no soporte do material para COB.
  • Arranxados varios erros nas animacións…
Misfit Model 3D é multiplataforma, ten soporte para internacionalización (i18n) e actualmente ten dúas ramas de desenvolvemento: Stable e Development.
 
Captura de pantalla
http://www.mancomun.org/images/stories/misfit.jpg

 
Páxina do proxecto en SourceForge.net:
http://sourceforge.net/projects/misfitmodel3d

O mes de xullo contará con cando menos un evento diario relacionado co Software Libre como se pode comprobar na nosa axenda. A gran maioría dos actos de difusión que se celebran neste mes están relacionados coa Rede de Dinamización da Sociedade da Información da Dirección Xeral de Promoción Industrial da Sociedade da Información. Mancomun.org en colaboración coa Rede da DXPSI ofrecen máis de 1600 horas de formación en materias como ofimática ou navegadores web a través de ferramentas libres.

Mancomun.org rexistrou na súa axenda cerca de 50 eventos durante o 2006 mentres que tan só no 2007 rexistráronse xa máis de 40.   

Corpus de Mancomun.orgMancomun.org acaba de liberar en A Forxa a ferramenta que permite facer buscas sobre corpus lingüísticos. O software está baseado no programa Xesterm construído por imaxin|software.

Mancomun.org mellorou este programa ampliando as súas funcionalidades:

– Mellora nas opcións de visualización.
– Busca por proxectos (corpus).
– Lectura de máis formatos de ficheiros de tradución.
– Inclúe opcións de accesibilidade.
– Corrección de erros arrastrados dende a anterior versión.

A licenza do software é GPL e o proxecto está aberto a calquera colaboración.

Recentemente aumentouse o número de termos do Corpus de Mancomun.org incorporando cadeas dos diferentes proxectos de tradución contidos no Wiki. Os corpus constitúen unha excelente ferramenta para dar coherencia ás traducións de software.

Unha asociación de empresas TIC de Berlín e Brandemburgo, SIBB , presiona ao senado da cidade-estado de Berlín para que incremente o uso dos estándares abertos e do software de código aberto nos seus sistemas TIC.

Ortwin Wohlrab, director da asociación, afirmou nunha entrevista co espazo web de novas xermano de IT Heise.de que «As compañías locais demandan que a administración da cidade empregue sistemas abertos». Xulgan que deste xeito contribuiríase a xerar proxectos TIC para a industria local, proxectos como os que xa desenvolveron con éxito para o Bundestag e a Oficina de asuntos exteriores.

Esta reacción da asociación vén motivada porque o goberno da cidade de Berlín rexeitou a comezos de maio un plano para migrar todos os ordenadores a software de código aberto. A maoría dos lexisladores de Berlín queren continuar a actual mestura de software de código aberto e propietario pois coidan que un sistema mixto funciona mellor e é menos custoso.

Os planos de Berlín para o código aberto datan de decembro de 2005. Estanse a facer probas actualmente en dous distritos da cidade de Berlín, Tempelhof-Schöneberg e Zehlendorf-Steglitz en contornos de escritorio. Tempelhof-Schöneberg en febreiro e marzo deste ano fixo unha comparativa entre Microsoft Office 2007 e OpenOffice.org 2.1.

Fonte: IDABC

O comité organizador das “II Xornadas de software libre na USC” que organiza a “Asociación de Usuarios de Linux da Universidade de Santiago de Compostela, Aulusc” xunto co “Grupo de Usuarios de GNU/Linux da Galiza, Glug”. fixo pública a convocatoria para a presentación de relatorios e obradoiros.

“A partir de hoxe ábrese o prazo para a presentación de relatorios e obradoiros para as “II Xornadas de software libre na USC” que terán lugar O 19, 20 e 21 de setembro deste ano nas Universidade de Santiago.

 

Estas xornadas están organizadas pola “Asociación de Usuarios de Linux da Universidade de Santiago de Compostela, Aulusc” xunto co “Grupo de Usuarios de GNU/Linux da Galiza, Glug”.

As Xornadas de Software Libre na USC naceron como un evento de referencia para a intercolaboración dos LUGs galegos, co obxectivo de intercambiar experiencias, presentar relatorios e obradoiros referentes ao Software Libre. Este ano, igual que o anterior, a temática principal versará sobre redes en GNU/Linux e outros sistemas libres, aínda que está aberta a calquera outra proposta de interese.

Os principais temas de interese son os seguintes:

  • Servizos de redes: servidor de correo, DNS, Web, compartimento de ficheiros, autenticación,…

  • Balanceo de carga en redes

  • Seguridade en redes: securitización dun servidor ou servizos, IPTables, VLANs, seguridade en redes sen fíos,…

  • Tecnoloxías de redes: redes WiFi, WiMax, UMTS/HSDPA,…

  • Instalación e configuración de Clusters.

  • Ferramentas de virtualización: Xen, QEMU,…

  • E outros que se vos ocorran sobre a mesma temática.

Sobre o formatos dos traballos existen dúas posibilidades: obradoiros e relatorios. Os obradoiros deberán ter un carácter práctico cunha duración de entre tres e catro horas. As propostas de obradoiros deberán especificar os requisitos de hardware e software precisos ou aconsellables para a sua realización. Os relatorios terán unha extensión de dúas horas aproximadamente.

O prazo para presentar as contribucións nos temas de interese mencionados poderán abrangue dende o 15 de xullo ata ó 26 de agosto do 2007. Estas contribucións poderán ser enviadas o seguinte enderezo de correo, secretario@glug.es.

A selección dos traballos estará baseada na novidade e calidade do traballo e na adecuación aos tópicos de interese, intentando promover a participación de tódolos LUGs.

Atentamente, o Comité Organizador.”

Entre as entidades colaboradoras que apoian este evento atópanse:

 

Fonte: http://www.glug.es/node/2361

 

Brasero (aka Bonfire) é unha ferramenta para gravar CD/DVD do escritorio gnome. Foi deseñada para un uso fácil e sinxelo. Está traducido a diferentes idiomas.

 Algunhas das súas características son:

 Soporta múltiples backends:

Vídeo DVD:

  •  funciona con ficheiros AUDIO_TS/VIDEO_TS
  •  tendo as bibliotecas libdvdcss pode copiarse ou escribirse ao disco

Data CD/DVD:

  •  soporte multisesión
  •  comprobación de integridade de datos
  •  edición de contidos de discos (borrar/mover/renomear ficheiros dentro de cartafoles)
  •  queimar CD/DVD ao voo
  •  filtro automático para ficheiros non desxeados
  •  soporta extensións joliet
  •  pode escribir imaxes ao disco

CD de son:

  •  escribe información CD-TEXT (de xeito automático mediante o uso gstreamer)
  •  soporta edición da información CD-TEXT
  •  queimar CDs de son ao voo
  •  pode manexar ficheiros de son instalando o Gstreamer
  •  procura de ficheiros dentro de carpetas borradas
  •  edición de silencios entre cancións

Copia CD/DVD:

  •  copiar CD/DVD ao disco
  •  copiar DVD e CD ao voo

Outras:

  •  borrar CD/DVD
  •  pode salvar ou cargar proxectos
  •  queimar imaxes CD/DVD e ficheiros cue
  •  previsualización de imaxes, videos e son
  •  detección automática de hardware
  •  interface personalizable
  •  soporta Arrastrar e soltar
  •  emprego de ficheiros de rede utilizando diferentes protocolos(smb, http, ftp)

Os membros do concello da cidade de París comezarán en breve a ter instalado Software Libre nos seus portátiles novos. Esta é unha das formas en que o municipio pretende promover o uso de Software Libre.

Segundo explicou o concelleiro e quen formulou a iniciativa, Jean-Christophe Frachet, no seu blogue, o concello parisino decidiu o 25 de xuño que calquera portátil novo que se mercase para fins municipais funcionase correctamente con Software Libre.

Un dos atractivos do Software Libre para os representantes da cidade francesa é a súa creatividade e independencia, ao que se une o maior control sobre todos os procesos informatizados.

Segundo Frachet, o movemento do Software Libre é parte do plano para modernizar as oficinas do concello da cidade de París e con el agardan reducir uns 25 millóns de euros en custes operativos.

Ligazón: http://ec.europa.eu/idabc/en/document/7153/469

{mosimage}

O vicepresidente de Hispalinux, Ramón Sanchez, solicitoulle a Elena Salgado, a nova ministra de Administracións Públicas, que sexa firme coa Lei de acceso electrónico da cidadanía aos servizos públicos como foi coa do tabaco.

Esta lei, que foi aprobada hai un mes, obriga as administracións a admitir «calquera formato electrónico que as multinacionais introduzan a base de mercadotecnia multimillonaria» en opinión de Ramón Sánchez, o que deixa «a mercede dunhas poucas empresas» a conservación da «memoria histórica dixital, que é a do noso tempo».

Algunhas asociacións, como Hispalinux, que representa a máis de 250 000 persoas usuarias e profesionais, solicitáronlles aos poderes públicos «que valoren as consecuencias para o futuro do país por non seren firmes contra o escurantismo tecnolóxico que supón o uso de formatos dixitais non abertos nas administracións públicas».

Ligazón: http://www.elmundo.es/navegante/2007/07/12/tecnologia/1184244660.html

Ligazón á lei: no BOE (en PDF)

W3C España, xunto coa Fundación CTIC , e o Concello de Zaragoza organizan as I Xornadas sobre Web Móbil (MWeb 2007), que se desenvolverán dentro do II Congreso Español de Informática (CEDI) do 12 ao 13 de setembro no Palacio de Congresos da capital aragonesa.

O obxectivo destas primeiras xornadas sobre web móbil é facilitar un punto de encontro que permita reunir a todos aqueles profesionais, tanto do ámbito académico, como empresarial, interesados no acceso á Web desde dispositivos móbiles, como teléfonos, PDAs e outros instrumentos portátiles.  

Dende Mepis anunciaron a liberación de AntiX MEPIS 6.5 “Spartacus”.

Spartacus é unha distribución lixeira para ordenadores de 32 bits que inclúe Kernel 2.6.15, Fluxbox, IceWM, Firefox2 e Xorg7, xunto cunha gran cantidade de software moi útil. Esta versión está orientada aos usuarios que teñen ordenadores con hardware antigo.

Os requirimentos mínimos de hardware para traballar con AntiX MEPIS 6.5 son 64 MB de Ram (recomendado 128 MB) e un procesador Pentium II a 266 Mhz ou o seu equivalente AMD…

Esta nova distribución de MEPIS pódese descargar dende,

 

Fonte:
http://somoslibres.org

IntegraTUM WebDisk é unha aplicación web en Software Libre, baixo licenza GNU GPLv2, que permite o acceso a un servidor de ficheiros. Os servidores de ficheiros soportados son samba, MS Windows e NetApp OnTAP, e calquera outro baseado no protocolo CIFS.

WebDisk non ten ningunha base de datos de usuarios facendo a autenticación directamente sobre o servidor de CIFS. Pode ser unha ferramenta útil nas PEME que teñen os equipos en rede e precisan compartir os seus ficheiros dun xeito sinxelo.

A autenticación pódese facer empregando o sistema de autenticación NTLM ou texto plano.

Todas as operacións sobre os ficheiros e cartafois pódense facer por medio dun navegador web permitindo incluso navegar entre os distintos servidores da rede. WebDisk conta cun xestor de marcadores para ter ligazóns aos cartafois desexados e cun xestor de permisos que se conecta directamente co servizo LDAP do Active Directory. As operacións que levan a cabo os usuarios quedan rexistradas por medio de Log4J.

IntegraTUM WebDisk foi desenvolvida empregando Java Servlets e a biblioteca jCIFS. JCIFS é unha biblioteca 100% Java que implementa o protocolo de rede CIFS/SMB.

http://www.mancomun.org/images/stories/logo_forxa.pngA Forxa de mancomun.org acadou a cifra de 50 proxectos; o concurso ao mellor proxecto de fin de carreira con software libre está a potenciar a creación de novos proxectos alén de axudar a que a Forxa se faga cada vez máis popular entre o estudantado e as empresas colaboradoras. Deste xeito, estase a dar un respaldo ao software libre galego e a comunidade está sendo máis activa.

Até o momento hai 7 proxectos dados de alta no concurso organizado por Igalia, un concurso que consiste na presentación e máis no desenvolvemento dun PFC que cree un novo proxecto de software libre ou ben mellore un existente. O prazo de inscrición abriuse o 31 de marzo e remata o 31 de outubro de 2007; as bases pódense consultar no web de Igalia.

Aparentemente, o incremento de proxectos que están rexistrados na Forxa foi moi notábel a partir da chegada do fin de curso, algo que se debe principalmente ao incentivo do concurso, pois a contía do primeiro premio é de 1.000 €.

Actualmente os proxectos que están rexistrados no concurso son os seguintes:

  • Xestor de vendas (TPV)
  • Sistema de voto electrónico para Uvigo
  • Visitas remotas a través dun robot guía
  • Aplicación para xestión dun hotel
  • Ferramentas de análise de redes
  • Creación de contidos xeolocalizados
  • Reinxeñería de Gtranslator.

Por outra banda, cómpre salientar que os últimos proxectos que se engadiron á Forxa non proceden só do ámbito do estudantado na súa totalidade; de entre eles, aqueles que presentan un maior interese son o proxecto Golfiño, o primeiro corrector gramatical para o OpenOffice.org libre para o galego ou o proxecto Corpus, un buscador para corpus lingüísticos baseados en ficheiros .po.

PoEdit é un editor de catálogos gettext (ficheiros .po) multiplataforma. Está feito con wxWindows toolkit. Este proporciona unha maneira fácil de editar os catálogos con algunhas características como soporte de plurais, comprobación ortográfica, resaltado de cadeas dubidosas e sen traducir, resaltado de espazos en branco e edición de cabeceiras. Tamén pode empregarse para crear novos catálogos ou actualizar os existentes dende o código fonte cun simple clic.

Esta aplicación require GTK+ versión 2.0.x. e wxWidgets >= 2.6, GtkSpell, Berkeley DB

 Esta última versión (1.3.7) ten as seguintes características:

  •  Windows: xa non haberá paquete binario oficial para Windows 95/98
  •  OS X: poEdit ten binario universal
  •  corrixido o menu Preferencias no xestor de catálogos
  •  corrixidos problemas na referencia de ficheiros en camiños Windows sobre Unix
  •  corrixido fallo na conversión unicode
  •  OS X: corrixido erro na apertura de ficheiros PO
  •  corrixida apertura de ficheiros fonte en editor externo se o camiño ten espazos
  •  Windows: corrixida navegación por teclado no diálogo de busca
  •  engadidas máis traducións

Páxina oficial: http://www.poedit.net/

O pasado martes 10 de xullo, o parlamento chileno aprobou, por unha ampla maioría dos seus deputados e deputadas, a posta en práctica do Software Libre na súa administración pública; amplíase, deste xeito, a listaxe de países que optan por este tipo de aplicacións tamén no novo continente.

Un dos parlamentarios declarou que ao considerar que o investimento en desenvolvemento científico no seu país é ínfimo, o uso do sistema Linux forneceralle poderosas ferramentas computacionais, practicamente a un custo cero, cunha grande vida útil, con maior seguranza, estabilidade e flexibilidade…

“Á diferenza do sistema operativo preinstalado nos computadores”, proseguiu este parlamentario, “o software libre ofrécenos un mundo de solucións, un feito que se traduciu en que algunhas das máis importantes empresas de hardware están en vías de porén no mercado equipos con Linux e que implica unha grande diminución no prezo final.”

Ligazón: Somoslibres.org

OSSIM (Open Source Software Image Map) é un proxecto de código aberto orientado fundamentalmente ao mundo da teledetección e o proceso de imaxes en percepción remota, así como en menor medida ao campo da fotogrametría e dos Sistemas de Información Xeográfica.

Conta cun grupo bastante activo de usuarios (incluíndo unha lista de correo) e o seu desenvolvemento empezou alá por 1996. O núcleo duro dos desenvolvedores pertence a axencias gobernamentais norteamericanas, e por iso este software é utilizado en institucións da importancia de NOAA.

A aplicación está composta dunha serie de bibliotecas desenvolvidas en C e C++ , engarzadas cunha sinxela interface gráfica (ImageLinker) e acompañadas tamén por unha serie de utilidades de liña de comando. Algunhas das capacidades máis destacadas inclúen funcións de visualización de imaxes en comparación paralela, modelos rigorosos de sensores e modelos universais de sensores (RPCs), seriedade e amplitude no tratamento de datums e proxeccións cartográficas, ortorrectificación de imaxes a partir de modelos dixitais do terreo, funcións avanzadas de mosaico e fusión de imaxes, funcións de acceso a datos vectoriais en shapefile, funcións de igualamento de histogramas e balanceo tonal entre distintas imaxes, etc.

Para descargar a última versión prema na seguinte ligazón: http://www.ossim.org/OSSIM/Downloads.html

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal