Mancomún

http://www.mancomun.org/images/stories/logo.jpg.pngA Free Software Foundation (FSF) liberou onte o terceiro borrador da versión 3 da licencia de Software Libre máis empregada, a GNU General Public License (GNU GPL).

O borrador de onte incorpora as aportacións recibidas do público en xeral, dos comités oficiais de discusión, e dúas conferencias internacionais celebradas na India e Xapón. Fixéronse moitos cambios significativos desde o anterior borrador, liberado en xullo de 2006. En consideración a este fito, a FSF planea agora publicar un borrador adicional antes do texto definitivo da GPL versión 3…

O borrador estará aberto para discusión os próximos 60 días.

Máis información deste borrador está dispoñible en http://gplv3.fsf.org, onde está o texto completo, explicacións detalladas dos últimos cambios e os novos planos para rematar a licencia.

Máis de 100 docentes de educación primaria e secundaria coñecerán de primeira man a experiencia de varios centros que empregan con éxito o Software Libre no marco dun curso organizado pola Consellería de Educación. Este curso, no que colabora Mancomun.org, servirá como introdución ao Software Libre para os docentes. Os profesores coñecerán nesta ocasión os casos de éxito do I.E.S Xulián de Magariños (Negreira) e o I.E.S. Chan do Monte (Marín) e poderán intercambiar ideas cos seus respectivos responsables.

Ademais deste foro de experiencias os profesores recibirán formación en:

  • Fundamentos do Software Libre
  • Aplicacións libres de uso frecuente
  • Distribucións GNU/Linux
  • Aplicacións libres para a educación e outros recursos
  • Liñas de traballo actuais do Software Libre na educación 

O curso comezou o día 23 de marzo e rematará o 23 de maio.

Este venres día 30 de marzo Mancomun.org organiza un almorzo de traballo sobre o ERP libre OpenBravo e outras ferramentas de xestión empresarial libres. Esta xornada dirixida a técnicos e empresarios vai contar coa presenza de Jordi Màs, Community Manager de OpenBravo, coordinador da comunidade de usuarios Softcatalá e experto en Software Libre con ampla experiencia no sector. O evento terá lugar na sede da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre en Santiago de Compostela.  As empresas interesadas en participar aínda poden apuntarse enviando un correo a mancomun@mancomun.org. A selección farase por rigoroso orde de chegada.

 Estará divida en tres sesións:

  • 11:00 – 12:00 Sesión aberta: Presentación de OpenBravo ás empresas.(acceso libre)
  • 12:00 – 14:00 Sesión de traballo (inscrición gratuíta con prazas limitadas para as empresas do sector TIC): Panel de debate coa presenza de Jordi Mas sobre oportunidades de negocio do Software Libre de xestión empresarial.
  • 14:30 – 16:30 Sesión aberta previa inscrición gratuíta (excluído o importe da comida): Xantar de traballo.

O obxectivo desta xuntanza é reunir a un grupo reducido de empresas do sector TIC ao redor desta temática para compartir coñecemento e experiencias sobre este produto e o desenvolvemento de solucións OpenSource para a PEME.Este evento forma parte dos actos da Rede de Cooperación Local do Concello de Santiago de Compostela e conta coa colaboración do Concello e da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre.
http://www.mancomun.org/images/stories/ousli.jpg O día 13 de Abril durante toda a maña, Ousli organiza no Centro de FP de Caixanova de Ourense a “I Xornada de GNU/Linux” coa que pretende achegar o Software Libre aos alumnos do centro.
Esta xornada está destinada aos estudantes dos módulos de Explotación de Sistemas Informáticos e Administración de Sistemas Informáticos, deste centro Caixanova.

As charlas serán as seguintes:

» Que é OUSLI?
Breve introducción sobre que é OUSLI, onde se atopa e como se pode contactar.

» Iniciativa Galega polo Software Libre.
Introducción sobre a iniciativa de Mancomun.org e as principais políticas da Consellería de Innovación en temas de Software Libre.

» Achegando o mundo de GNU/Linux
Que é o Software Libre? e o seu estado actual. Breve repaso aos distintos sistemas operativos. Como un pode iniciarse neste campo a partires de diferentes distribucións e live-CDs. Diferentes contornos de escritorio existentes na actualidade. Uso de aplicacións gráficas habituais, como poden ser programas ofimáticos, reproductores de música, …

» Instalación e configuración de servidores web.
Instalación dun servidor Apache para internet e diferentes tipos de configuracións que nos oferta.

EntransOs voluntarios do Entrans de Mancomun.org acaban de traducir todas as cadeas do programa Gcompris. Trátase dunha ferramenta informática que contén actividades educativas para nenos de entre 2 e 10 anos ao redor das matemáticas, a xeografía ou a ciencia que xa está dispoñible en galego. A tradución será posta en breve a disposición de toda a comunidade e é resultado do curso sobre Entrans para profesorado non universitario.

As consellerías de Educación e Innovación colaboraron na organización deste curso sobre Entrans, ferramenta de tradución colaborativa de software, no que se inscribiron uns 150 profesores de ensino non universitario. Colgáronse de aquela tres proxectos de tradución: o editor de blogs de multiautoría B2evolution, o programa para crear mapas conceptuais Freemind e o Gcompris. O activo labor destes docentes e do resto dos tradutores levou á rápida finalización deste proxecto de tradución e a que os outros dous estean a piques de rematar (o Freemind está ao 89% e o B2evolution ao 90%). Recentemente engadiuse o programa educativo sobre química Genchemlab.  

Mancomun.org irá colgando do Entrans diversos proxectos de especial interese para  a súa adaptación ao galego. Os voluntarios xa traduciron a interface do OpenOffice.org 2.1 e a versión 2.0 do navegador Mozilla Firefox
O Plano Estratéxico Galego para a Sociedade da Información (PEGSI) que será presentado hoxe día 27 de marzo polo conselleiro de Innovación e Industria Fernando Blanco ten coma un dos seus piares básicos o emprego do Software Libre e de estándares abertos. O PEGSI marca o camiño de entrada de Galicia nunha nova sociedade baseada nas tecnoloxías da información e da comunicación coma ferramentas para acadar o progreso social e económico da nosa comunidade.
 

A súa adaptabilidade, o seu baixo custe ou a posibilidade de empregar ferramentas informáticas en galego entre outras razóns levaron á Xunta a considerar irrenunciable a adopción do Software Libre na administración. Galicia investirá uns 2,8 millóns de euros na adopción por parte das administracións públicas de sistemas informáticos baseados en estándares abertos. Ademais a súa acción non se limitará á administración autonómica senón que promoverá o código aberto entre os concellos da nosa comunidade. Para dar pulo a este proceso a Xunta favorecerá as propostas tecnolóxicas de Software Libre e dará formación aos seus funcionarios nestas tecnoloxías.

De acordo co PEGSI, a administración autonómica galega creará un comité de seguimento da adopción de estándares abertos por parte da administración pública. Elaborarase asemade un estudo estratéxico da viabilidade da incorporación do Software Libre nas plataformas tecnolóxicas da Administración.

Para acadar unha maior extensión do Software Libre entre as administracións o PEGSI prevé as seguintes actuacións:

  • Valoración da viabilidade e da estratexia de incorporación do Software Libre nas plataformas tecnolóxicas da Administración
  • Desenvolvemento do posto de traballo/escritorio estándar soportado en programas ofimáticos de Software Libre
  • Implantación de solucións baseadas en código aberto nos servidores
  • Implantación e desenvolvemento de servizos públicos electrónicos baseados en plataformas de código aberto.

 Para promover o Software Libre na sociedade as actividades previstas polo PEGSI son:

  • Determinar as áreas máis favorables para a implantación do Software Libre
  • Realizar accións divulgativas e de sensibilización
  • Convocatorias para a implantación de solucións baseadas no Software Libre
  • Promover a creación de comunidades e puntos de encontro arredor do Software Libre para compartir coñecementos
  • Proxectos singulares, con especial fincapé nas actuacións noutros ámbitos do PEGSI, onde se primará o emprego de Software Libre
  • Crear un catálogo dos fornecedores informáticos de Galiza que teñan produtos e servizos na área do Software Libre
  • Primar o desenvolvemento de aplicacións de código aberto nos distintos programas que convoque a Administración galega de apoio á actividade empresarial
  • O PEGSI foi elaborado pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información pertencente á Consellería de Innovación e Industria.
Autentia vén de liberar, baixo licenza GNU/GPL, o software que desenvolveron para a xestión da súa propia empresa co nome TNTConcept. Este software pode ser de utilidade para empresas de servizos, profesionais independentes e departamentos de desenvolvedores.

Para as PEME a información que xestionan pode atoparse espallada en multitude de soportes: follas de cálculo, correos electrónicos, documentos no sistema de ficheiros, tarxetas de visita, etc. Toda esta información, aparte de correr o risco de ser perdida (ou non atopada), non é demasiado procesable para obter coñecemento. O obxectivo de TNTConcept é proporcionar un contorno centralizado onde alimentar todos os datos do traballo cotiá e garantir o control da empresa.

Está construída coa última tecnoloxía Java (Spring, JSF, Hibernate, Maven, Subversion , etc.).

Dende a web do proxecto pódese descargar o software, ver a documentación e os vídeo-titoriais, reportar erros, novas funcionalidades a incluír en futuras versións, …

Fonte: FSF 

Sahana, unha ONG adicada á creación de tecnoloxía para a xestión dos esforzos de axuda a gran escala, e a gañadora do premio do ano 2006 para proxectos de beneficio social. Sahana foi creada como consecuencia do tsunami que devastou o sudeste asiático en 2004, co fin de compensar as devastadoras consecuencias dos intentos dos gobernos de xestionar de xeito manual o proceso da localización das víctimas, a distribución da axuda e a coordinación dos voluntarios.

O Free Software Award for Projects of Social Benefit premia o proxecto de Software Libre que xere beneficios significativos á sociedade a través da colaboración nunha tarefa de importancia social.

O equipo fundador de Sahana, formado por traballadores de tecnoloxía de Sri Lanka, traballaron durante 3 días sen pausa para producir unha primeira release do software que foi rapidamente adoptada polo goberno do seu pais. O software resolve problemas comúns de coordinación que xorden durante un desastre e facilita, deste xeito, a busca dos desaparecidos, a xestión das axudas e os voluntarios e o seguimento das vítimas nos campos de refuxiados.

Cada ano son tres os finalistas nominados para o premio pola comunidade de Software Libre. Este ano os dous finalistas foron o Proxecto Gutenberg e o proxecto One Laptop Per Child (OLPC)

Para mais información:
http://www.fsf.org/social-benefit-award-2006
http://www.sahana.lk/

Fonte: Open Source News IDABC

O goberno de Malta inicia este mes un programa de formación en GNU/Linux. Os cursos de formación esponsorízaos a empresa IBM, e están abertos a todos os empregados en tecnoloxías da información dos sectores públicos e privados. Malta espera que esta formación incremente o coñecemento en Linux e estimule o interese noutras tecnoloxías de código aberto.

IBM tamén proporcionará formadores estranxeiros en estadías de formación de 4 semanas. Todos os cursos desenvólvense sen custo algún para grupos máximos de 60 asistentes. Se o curso é completado satisfactoriamente, o asistente recibirá a certificación como Linux Entry Level Administrator.

As clases teñen unha duración de 4 semanas e desenvólvense en 4 áreas principais: Usuario Linux Avanzado, Administrador de Sistemas Linux, Administrador Linux TCP/IP e un curso que mestura temas específicos: Programación en Linux Bash, Firewall en Linux, Servidor Web (Apache) sobre Linux e Integración Linux e Windows (Samba)

O programa de formación GNU/Linux é unha iniciativa do Ministerio de Inversións, Industria e Tecnoloxías da Información. Este é un dos planos desenvolvidos desde o pasado ano destinados a impulsar a sociedade da información local e desenvolver a industria local de tecnoloxías de información, explica Joanna Azzopardi, coordinadora do programa no ministerio.

Para Joanna Azzopardi, a industria maltesa de tecnoloxías da información ten unha gran importancia en termos socio-económicos para Malta. Neste senso, o governo de Malta ten como prioridade promover o coñecemento da industria de tecnoloxías da información co fin de permitir ao sector de tecnoloxías da información crecer e prosperar

O interese da comunidade maltesa nos cursos GNU/Linux superan as expectativas polo que o goberno amósase moi satisfeito coa resposta. 

Máis información: http://ec.europa.eu/idabc/en/document/6779/5943

Vénse de anunciar a creación dun novo grupo a prol do Software Libre. G.A.L.I.T.E. (Grupo Asociado pola Libre Información e Tecnoloxía) ten sede en Foz e os seus obxectivos principais son: 

  •     A defensa e difusion do Software Libre.
  •     A defensa do libre intercambio de cultura (p2p).
  •     A difusión das licenzas copyleft.
  •     A realización de actividades relacionadas con estes obxectivos.

O grupo leva facendo actividades desde hai máis de dous anos en Foz aínda que a súa constitución oficial como grupo vén de producirse agora.
GPULOs desenvolvedores dos escritorios libres KDE e GNOME tiveron unha fin de semana intensa na GUADEMY celebrada na Facultade de Informática da Coruña e organizada por GPUL. Durante tres días participantes de ámbolos proxectos colaboraron co intercambio de ideas e coñecemento neste importante evento que reuniu a máis de 100 participantes.

A inauguración das xornadas tivo lugar o pasdo venres ás 10:15 horas no salón de actos da facultade coa presenza de Antonio Pérez Casas, asesor da Consellería de Innovación e Industria, Alberto Valderruten, decano da Facultade de Informática, e Emilio Padrón, presidente de GPUL. Ademais do apoio da Universidade da Coruña e a Consellería de Innovación a Guademy contou ademais co patrocinio das empresas Trolltech e Igalia.

O evento, centrado no ámbito de desenvolvedores estatal, contou tamén con participantes doutros países. Trátase dun dos maiores eventos encamiñados á harmonización entre os dous escritorios celebrados ata o de agora.   

O Public Knowledge Project (PKP) é un proxecto híbrido que xorde da confluencia de dúas tendencias filosóficas tecnolóxicas: o movemento do Software Libre e de Código Aberto e o movemento Open Access.

O proxecto PKP naceu en 1998 co obxectivo de mellorar a calidade das publicacións académicas mediante o desenvolvemento de contornos en liña innovadores. Para elo, desenvolveron software, que distribúen baixo licenza GPL, para a xestión, publicación On-line, e indexación de xornais e congresos: Open Journal Systems e Open Conference Systems que facilitan o acceso ao coñecemento, mellorando a súa xestión e reducindo os custes de publicación.

Ambas aplicacións están escritas en PHP e usan como xestor de base de datos MySQL ou PostgresSQL. Basicamente trátase de xestores de contido adaptados para facilitar o envío, a revisión por pares e a publicación de artigos académicos. A aplicación Open Conference Systems ademais permite xestionar o rexistro de eventos e a próxima versión, que contan saia en breve, mesmo permitirá a xestión do pagamento online do rexistro.

A aplicación Open Journal Systems permite iniciar sesión con distintos papeis, como xestor, editor, revisor, autor, revisor de deseño e maquetación, cada un cunhas tarefas permitidas acordes co papel e acorde co fluxo de traballo do persoal de calquera xornal.

Na páxina do proxecto teñen á disposición de calquera versións de demostración do Open Journal Systems e do Open Conference Systems, así como documentación e axuda para a súa instalación.

Fonte: IT manager’s Journal 

Amigus, Asociación Informática de As Pontes, vai realizar diversas actividades de difusión do Software Libre entre diversos institutos da zona de Ferrol e As Pontes desde o día 26 de marzo ata mediados de abril.

Os cursos están orientados a rapaces de 3ª e 4ª da E.S.O. As datas e centros confirmados son os que seguen:

  • 26/03/2007 ás 10.30 horas no CPR Nebrija – Pardo Bazán
  • 28/03/2007 ás 10.30 horas no IES Moncho Valcarce
  • 11/04/2007 ás 11.00 horas no CPI Monte Caxado
  • 12/04/2007 ás 11.00 horas no IES Concepción Arenal de Ferrol

Amigus é un dos grupos de usuarios cos que Mancomun.org subscribiu un convenio de colaboración polo que se subvencionan esta e outras actividades de difusión.

Network PDF Server YAFPC-Appliance é unha imaxe baseada en SLAX Linux e que conta cunha versión configurada de YAFPC. Calquera computador iniciado dende este CD pode traballar como servidor de impresión PDF e fornecer ilimitadas impresoras compartidas. A configuración do sistema pode administrarse por medio dun navegador web dende calquera punto da rede. As impresoras pódense configurar para aplicar encabezados de cartas, marcas de auga e/ou apéndices a tódolos documentos impresos. Despois da impresión os documentos son enviados ao seu propietario por correo electrónico ou quedan accesibles nunha carpeta compartida no servidor.

Os requirimentos que precisa o sistema son baixos e a posta en funcionamento é moi sinxela. Para testar a funcionalidade do sistema están dispoñibles imaxes preparadas para traballar en VMware. Tamén existe documentación para a posta en funcionamento dende un lapis USB.

Descarga da imaxe ISO.

» Que é YAFPC?
YAPFC é unha ferramenta para compoñer documentos dende ficheiros PDF ou imaxes (png, jpeg), cifrar os documentos creados e envialos por correo electrónico. YAFPC está deseñado para traballar por liña de comandos e combinado con GhostScript temos as impresoras PDF compartidas por rede.

» Que é SLAX Linux?
SLAX é unha distribución GNU/Linux, baseada na distribución Slackware Linux, que se executa directamente dende o CDROM sen instalación (LiveCD).

Varias formacións políticas (BNG, Chunta Aragonesista, CIU, ERC e IU-ICV) veñen de apoiar as enmendas que Hispalinux, asociación de usuarios españoles de Linux, propón para o proxecto de lei para o acceso electrónico dos cidadáns á administración pública (LAECAP). As reformas propostas están orientadas a garantir o emprego de estándares abertos e son basicamente dúas:

  • A eliminación da expresión “estándares internacionais aceptados” deixando que exclusivamente se fale de que as administracións públicas deben usar só estándares abertos para relacionarse cos cidadáns e a inclusión no anexo da definición de “estándares abertos” (especificacións públicas e gratuítas, libres de regalías e patentes e que teñan unha implementación de referencia baixo unha licenza libre).
  • A modificación do artigo 45 para que todas as Administracións Públicas poñan a disposición dos cidadáns e das outras administracións o software sobre o que teñen dereito baixo unha Licencia que permita que sexa usado en calquera propósito, copiado, modificado e redistribuído con ou sen cambios. Sempre que as obras derivadas garantan estas mesmas liberdades (como o fan a Licenza Pública da Unión Europea (EUPL) ou a General Public License (GPL)).

As razóns esgrimidas son o dereito dos cidadáns a desfrutar do que se sufraga co diñeiro público sempre que isto non lle produza dolo e garantir a interoperabilidade dos datos de todas as administracións locais, autonómicas, estatais e europeas.

http://www.mancomun.org/images/stories/ubuntu.png Xa está dispoñible a versión beta de Ubuntu 7.04 Feisty Fawn, entre as novidades destacan GNOME 2.18 e o Kernel 2.6.20. En Ubuntu esperan que a versión estable se libere en abril deste ano.

Outras novidades importantes son un xestor de redes, con e sen fíos, que facilita a conexión e con soporte WPA, unha ferramenta para ver a análise de uso do disco duro, comprobación automática dos códecs necesarios para a reprodución multimedia, Xorg 7.2 e moitas novidades máis.

Esta versión beta pódese descargar dende o enderezo web http://releases.ubuntu.com/feisty/
ou http://releases.ubuntu.com/7.04/

 

Tamén recordamos que sigue aberto o proceso de tradución desta nova versión de Ubuntu e que se está levando a cabo no seguinte enderezo: https://launchpad.net/ubuntu/feisty/+lang/gl/

Fonte: http://www.ubuntu-es.org/index.php?q=node/41583

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal