Mancomún
Igalia, Free Software Engineering , é unha empresa cooperativista e de estrutura plana que ofrece servizos en torno ao Software Libre formada por máis de 25 enxeñeiros en informática cunha elevada capacitación técnica. Igalia necesita medrar e quere ampliar o seu persoal. A empresa busca persoas con alta capacitación técnica en Software Libre, con titulación académica relacionada coa enxeñaría e/ou o software e bo nivel de inglés. Tedes máis información na sección Work with us da súa web.

A Consellería de Innovación vén de realizar unha iniciativa dirixido a detectar as necesidades básicas no ámbito das novas tecnoloxías nas PEME nun intento por achegar o Software Libre coma unha proposta útil para o desenvolvemento da súa actividade económica. Escolleuse a área de Betanzos para levar a cabo este proxecto piloto. O informe do proxecto está dispoñible en descargas.

Para levar a cabo o proxecto contactouse con entidades colaboradoras e empresas, obradoiros de Software Libre e fixéronse actividades de sensibilización do uso do galego nas tecnoloxías da información e da comunicación.

Algunhas das conclusións máis salientables desta experiencia son a necesidade de achegar ás empresas aplicacións multiplataforma para facilitar a migración, a gran aceptación de OpenOffice.org, a importante dependencia que ten a PEME dos provedores de software de xestión empresarial ou a necesidade de crear espazos de intercambio de coñecemento tecnolóxico entre as empresas.

As conclusións da experiencia tamén se fan eco da necesidade  de difundir o Software Libre entre a PEME xa que a gran maioría descoñece a súa existencia e podería supoñer un nicho para a creación de valor e emprego en Galicia ademais dun vehículo para a difusión da lingua galega.

Magasi CDO I.E.S. Xulián de Magariños segue a innovar con dúas novas iniciativas: o Proxecto Rella e a creación dunha Aula Virtual do centro. No caso do Proxecto Rella trátase de proporcionarlle documentación á comunidade educativa para axudala no uso de ferramentas informáticas. Rella está inserido na Aula Virtual que foi desenvolvida na plataforma libre Moodle e serve como ferramenta de apoio ás clases presenciais que se imparten no centro. A estes proxectos hai que unir o Magasi CD, unha recompilación de aplicacións libres de utilidade na educación. Todos estes proxectos parten da iniciativa, traballo e coordinación do profesor deste centro Manuel González Regal.

O Proxecto Rella serve de apoio aos docentes co emprego de titoriais gráficos sinxelos, adaptados ás necesidades educativas de cada materia e perfectamente modificables estando dispoñibles con conexión ou sen conexión.

A Aula Virtual probouse durante as prácticas en empresas do alumnado do Ciclo Superior de Administración de Sistemas Informáticos e na materia de física. Actualmente o sistema é empregado por un amplo número de docentes e alumnos.

Entre outras funcionalidades o sistema permite organizar os materiais educativos, preparar probas académicas en liña, elaboración de wikis e xestionar a interacción entre profesores e alumnos.  

http://www.mancomun.org/images/stories/logo-typo3.gifO equipo de TYPO3 ven de liberar a última versión do seu proxecto, a versión 4.1. TYPO3 é un sistema de xestión de contidos de propósito empresarial (Enterprise Content Management – ECM) baixo licenza GNU/GPL. Este ECM conta con múltiples funcionalidades, entre elas, a implementación de plantillas que se axeitan aos estándares e o sistema de control de versións.

Se a versión anterior estaba centrada na usabilidade a nivel do editor, esta nova versión trae melloras para os administradores e os desenvolvedores. As características máis destacables son:  a edición de rexistros relacionais en liña (Inline Relational Record Editing – IRRE), ferramentas para administración por liña de comandos, funcionalidades Ajax na árbore de ficheiros e melloras no repositorio de extensións (Extensión Manager – TER).
TYPO3 4.1 inclúe melloras de rendemento no acceso a base de datos e no almacenamento de páxinas intermedias (page caching). Sitios TYPO3 que traballan en plataformas de aloxamento compartido con limitacións de memoria agradecerán estas novas características. Ademais destas melloras principais, a nova versión contén decenas de pequenas novas funcionalidades, melloras e erros solucionados. Esta versión está enfocada ao uso en tódolos aspectos do sistema, sendo obxectivo común para tódalas versións 4.x.
Para ter máis información técnica das novas características compre ler as notas.

TYPO3 version 4.1 está dispoñible para descarga dende sourceforge.

OpenOffice.orgOs responsables do OpenOffice.org Project veñen de mandar unha carta a Michael Dell para que o fabricante de computadores DELL ofreza este conxunto de aplicacións ofimáticas preinstaladas no seu ordenador. Recentemente o líder mundial en venta de equipos informáticos abriu unha web para coñecer as preferencias dos usuarios. Coma resultado a este chamamento moitos usuarios pediron de xeito masivo ter Linux e OpenOffice.org preinstalado.

A carta afirma que OpenOffice.org 2 axéitase aos valores de Dell: un software de alta calidade que corre sobre todos os sistemas operativos e ofrece aos usuarios as funcionalidades ofimáticas básicas máis algunhas adicionais. Ademais pode ler e escribir nunha ampla variedade de formatos, incluíndo total compatibilidade con Microsoft e ao estar licenciado como software de código aberto, representa un gran valor tanto para Dell como para os seus clientes.
 
DELL pretende certificar primeiro o seu Hardware e a partir de aí tomar unha decisión sobre o seu futuro.
http://www.mancomun.org/images/stories/ubuntu.png Lendo AGNIX.org vemos que Felipe Gil Castiñeira anuncia que se acaba de abrir a tradución de Ubuntu Feisty (7.04) e que será publicada en abril (probablemente o día 19): https://launchpad.net/ubuntu/feisty/+lang/gl

Esta apertura adiouse máis do agardado, pero de momento quédanos tempo para traducir as cadeas máis importantes e para corrixir os erros máis visibles.

Felipe solicita, especialmente aos usuarios de Ubuntu, a colaboración na detección das traducións erróneas, de xeito que se poidan modificar antes de que se conxelen as cadeas para a versión definitiva. Podedes informar dos erros que detectedes en ubuntu-l10n-gl @ lists.ubuntu.com

O pasado mes de novembro falabamos que a Asemblea Nacional Francesa (equivalente ao Congreso dos Deputados) decidiu empregar GNU/Linux e ferramentas libres. Nesa ocasión non se sabía que distribución Linux se empregaría para facer o cambio a Software Libre.

Definitivamente a distribución será [[Ubuntu]]. Dúas compañías Linagora e Unilog, foron seleccionadas para proporcionar aos membros do Parlamento e aos seus asistentes novos ordenadores con Software Libre.

Na próxima sesión o vindeiro mes de xuño de 2007, os 1.154 ordenadores novos executarán Ubuntu coma sistema operativo principal…

Fonte:
http://linux.slashdot.org/article.pl?sid=07/03/12/0257212

TrueCrypt (Free Open-Source Disk Encryption Software) é un software para cifrar e agochar no teu computador datos que o usuario considere reservados empregando diferentes algoritmos de cifrado como AES, Blowfish, CAST5, Serpent, Triple DES e Twofish ou unha mistura dos mesmos.

Existen versións para sistemas operativos GNU/Linux e Windows.

O cifrado directo (on-the-fly-encrypted) significa que os datos son cifrados ou descifrados automaticamente antes de que sexan precisos, sen ningún tipo de intervención do usuario. Non é posible recuperar os datos se non se proporciona o contrasinal correcto ou os ficheiros chave axeitados (keyfile). Outra característica é que TrueCrypt cifra o sistema de ficheiros completo (nomes de ficheiro, cartafois, contidos, espazo libre, metadatos, …). Os ficheiros son descifrados directamente en memoria RAM mentres se está lendo ou copiando dunha partición cifrada con TrueCrypt, sen empregar en ningún momento o disco como almacenamento intermedio.

TrueCrypt ten unha licenza propia (TrueCrypt Collective License Version 1.0) que ven sendo unha recompilación das distintas licenzas dos algoritmos de cifrado.

EntransO curso organizado pola Consellería de Educación Entrans: a lingua galega e a tradución do Software Libre para Galicia contou coa participación de 150 docentes do ensino non universitario, a totalidade das prazas ofertadas, interesados nesta ferramenta de tradución colaborativa. A Consellería de Educación en colaboración coa Consellería de Innovación organiza este curso de formación permanente do profesorado. Elena Veiguela, directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, declarou que o Software Libre é “unha porta aberta á presenza do galego na Internet e na sociedade da información”.

O pasado venres 9 de marzo os inscritos participaron na parte presencial do curso onde a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, María José Pérez Mariño, e Elena Veiguela describiron os obxectivos e metas do curso entre os que destacaron analizar as posibilidades didácticas da ferramenta para a tradución do Software Libre á lingua galega e facilitar a súa utilización docente nas áreas de lingua galega como elemento motivador do alumnado.

Francisco Serrallé, asesor especialista do Servizo de Formación do Profesorado, falou sobre as iniciativas educativas relacionadas coas novas tecnoloxías e o Software Libre da Consellería de Educación, mentres que Antonio Pérez Casas, asesor da Consellería de Innovación para a Sociedade da Información, expuxo a estratexia galega da xunta sobre sociedade da información no ensino.

Jesús Arribi, coordinador do proxecto Mancomun.org introduciu aos docentes nos fundamentos do Software Libre e impartiu o taller presencial sobre Entrans. O resto das sesións, que terán lugar durante esta semana, serán a distancia.  

http://www.mancomun.org/images/stories/logogpul_sin_cuadro.jpgXa está todo listo para GUADEMY e podedes consultar o programa desta primeira edición do primeiro HackMeeting sobre GNOME+KDE organizada por GPUL. O prazo de inscrición aínda está aberto, así que se estades interesados en compartir experiencias sobre o voso contorno de escritorio favorito vide por Coruña do 23 ao 25 de marzo, consultade as posibilidades de aloxamento gratuíto.

KDE estará representado con Aaron Seigo, Larrosa, Astals e Rafael Fernández, e por parte de GNOME contaremos con Rodrigo Moya, Álvaro del Castillo, Álvaro López Ortega e Carlos Garnacho entre outros.

Tocaranse dende as novidades de KDE4 a como programar para a plataforma Maemo de Nokia ademais de varios relatorios e obradoiros para formar aos novos desenvolvedores. O evento conta co patrocinio de Trolltech e Igalia.

Durante a Game Developer Conference de San Francisco, Sun Microsystems anunciou a súa  intención de abrir o código do Proxecto Darkstar, unha plataforma para servidores de xogos online que foi construída con tecnoloxía Java. Sun planea liberar o código fonte do Proxecto Darkstar baixo licenza GPL dentro de varios meses e espera contar máis información sobre o proxecto para a conferencia JavaOne a primeiros de maio…

Fonte: http://www.dailytech.com/Article.aspx?newsid=6393
Proxecto Darkstar: http://games-darkstar.dev.java.net/

Entre os 93 participantes do I Concurso Universitario de Software Libre temos unha importante representación das tres universidades públicas galegas con proxectos de diferentes características.

Esta é a listaxe de proxectos que representan ás tres universidades galegas: 

1. AulaChat

Sistema de comunicación baseado na arquitectura cliente-servidor para a xestión de datos e comunicacións entre profesores e alumnos.
James López Prieto Universidad de Santiago de Compostela

2. Free hardware manager

Xestor de hardware avanzado que permite a detección e configuración de dispositivos.
Manuel Angel Abeledo Garcia Universidade da Coruña
Esteban Paz Freire Universidade da Coruña

3. Orsetta (Xestor de Eventos)

Sistema Xestor de Contidos (CMS) orientado á xestión de tarefas relacionadas coa organización de eventos.
Antonio Martínez Carballo Universidade de Vigo
Marta Prado Fernández Universidade de Vigo

4. PaintPol

Aplicación que permite que dous ou máis usuarios debuxen sobre un único lienzo a través de Internet. É unha mistura de mensaxería instantánea e editor de imaxes.
Matías Escudero Martínez Universidade de Vigo
Pablo Novo Giménez Universidade de Vigo
Fernado Fernández-Valdés Pedrosa Universidade de Vigo

5. Proxecto Open Pipe

Proxecto que mistura software libre e hardware libre para crear un instrumento musical dixital para músicos que tocan instrumentos de vento.
Santiago José Barro Torres Universidade da Coruña

IES Chan do MonteMancomun.org entrevistouse con Manuel Morán, profesor de ciclo superior de informática no I.E.S. Chan do Monte en Marín que conseguiu legalizar todo o software do seu centro de traballo grazas ao emprego do Software Libre. Ademais o emprego de tecnoloxías abertas permite ao Chan do Monte ser un instituto dinámico e sempre activo con servizos innovadores a disposición de alumnos e profesores. Esta experiencia é un caso de éxito na aplicación do Software Libre non só polo importante aforro económico senón tamén por ser xerme de proxectos de gran calado coma Traducíndote e pioneira na migración dos centros educativos a unha tecnoloxía máis axeitada ás necesidades educativas.

A introdución da informática nos centros de educación secundaria resulta nalgúns casos unha tarefa tan complexa coma necesaria. Ademais da falta de persoal cualificado para a administración do sistema os centros deben realizar importantes investimentos para poder adquirir equipos que en moitos casos quedan obsoletos ao pouco tempo. Esta situación leva a unha práctica estendida nos centros coma é adoptar software privativo sen abonar a correspondente licenza.

Manuel Morán no CPD do centro

Manuel Morán (na foto de enriba no centro de proceso de datos do centro), profesor de formación profesional no IES Chan do Monte en Marín, atopouse á súa chegada ao centro que gran parte do software era pirata. Morán considerou que a legalidade non era algo opcional e que era tirar pedras contra o futuro laboral dos seus alumnos que, en moitos casos, vivirían de vender licenzas de software. Detectada esta situación decidiu falar coa dirección do centro que lle encomendou a realización dun estudo do custo que suporía legalizar todo o software. O estudo concluíu que eran necesarios 33.000 euros para actuar de acordo coa lei, unha cantidade inasumible.

O estudo incluía legalizar o que non tíñamos legalizado: Windows e outro software Microsoft coma Office, Macromedia MX, o antivirus Panda do que tíñamos moi poucas licenzas e que ademais eran caras, Oracle, outro pastón… Todo moi caro ata con licenza educativa.”

De xeito paralelo á legalización do centro, Morán quería ofrecer servizos informáticos a un centro con 700 alumnos e 200 equipos onde se imparte a ESO, o bacharelato, catro ciclos medios diferentes e tres ciclos superiores diferentes nun instituto que está aberto de 8 e media da mañá a pasadas das 11 da noite. Todas estas razóns levárono a decidirse por implantar Software Libre no centro.

A implantación

Á chegada de Morán ao centro no curso 2003-2004 os servizos corrían baixo un servidor Windows Server 2003. A primeira decisión foi cambiar a servidores Samba e implementar servizos sobre eles no curso 2004-2005. Unha vez que o claustro deu luz verde á introdución do Software Libre nos clientes en setembro do 2006. Os profesores do departamento de informática traballaron durante o mes previo ao comezo das clases no cambio de tal xeito que alumnos e docentes atopáronse co novo sistema xa totalmente implantado.

A través da licenza Windows MSDNAA todos os equipos do centro poden contar cunha versión de Windows XP. Ademais o centro conta con máis de 200 licenzas do programa de seguridade informática AntiVir. O resto de aplicacións informáticas son libres: OpenOffice.org para ofimática, 7Zip para compresión de arquivos, VLC para os arquivos multimedia, Winscp para FTP… ou freeware coma CDBurner Xp ou NXClient. Ademais cada equipo conta cunha distribución Fedora ou Mandriva e para os servidores emprégase CentOS.

Estes cambios nas tecnoloxías empregadas e modificacións no temario das materias impartidas, máis centradas no Software Libre, permitiron contar cun centro con toda a tecnoloxía en regra por 1.700 euros.

Reaccións

Houbo diversidade de reaccións entre o profesorado pero o apoio dos docentes e especialmente do seu departamento fixeron posible o cambio.   

“Había xente que estaba moi metida, había xente que non entendía as miñas opinións sobre a legalidade das licenzas como se a legalidade fose opcional. Eu creo que hai que cumprila sempre. Ás veces houbo reaccións que non entendías tipo: “se todo o mundo o fai por que imos ser os únicos pringados que teñamos que esforzarnos e cambiar os nosos programas”. Pero salvo estas pequenas discrepancias as reaccións dos meus compañeiros de informática ían encamiñadas a entender o asunto. Quizais non contaban cun entusiasmo coma o meu pero desexaban entender o problema. Cando razoas as cousas a xente é comprensiva“.

A adaptación foi máis fácil se cabe entre o alumnado e os profesores doutros ciclos formativos, E.S.O. e bacharelato. Moitos, segundo Morán, nin sequera percibiron o cambio a OpenOffice.org e os novos servizos supuxeron unha grande comodidade para docentes e alumnos.

Os titulados do I.E.S Chan do Monte saen cunha formación mixta en software privativo e libre moi importante que facilita a inserción laboral nas empresas.

“O que che din algúns alumnos é que hai empresas que son todo Windows e non queren oír falar de Software Libre. Noutras son todo windows pero cando lles falan de Software Libre son permeables: Sabes montar o servidor web en Linux?… Pois imos tentalo. Un pouco o que fixen eu aquí. Dando solucións ás empresas que non se expuxeron. Ou son impermeables ou son eles mesmos quen lles axudan a implantar estas solucións.

Un alumno de aquí sae moi ben preparado nas dúas tecnoloxías e saben que son capaces de propoñer unha alternativa tecnolóxica. Non co obxectivo de cambialo todo senón que hai cousas que non ten sentido mantelas en Software Privativo por seguridade, custo, versatilidade…”

Dada a maneira de entender o traballo do Software Libre os alumnos contan cun estímulo engadido ao saber que non teñen outro límite que o seu esforzo e talento á hora de programar. Bo exemplo é o alumno do ciclo de desenvolvemento de aplicacións informáticas Óscar Hermida que desenvolveu Traducíndote: unha aplicación web que permite a tradución de documentos gardando o formato entre diversos pares de linguas aproveitando tecnoloxías abertas. Previamente Hermida desenvolvera un wiki que dinamizou a relación entre compañeiros do centro e que tivo unha gran acollida.

Un centro sempre en funcionamento

A capacidade de estar en funcionamento despois de que soe o timbre de saída é a verdadeira achega do Software Libre ao centro.

Toda a información do centro está na páxina web: horarios, titorías, materiais, noticias, asociacións de nais e pais de alumnos, recursos educativos, dicionarios, actividades… Grazas á autentificación centralizada os alumnos teñen acceso aos exercicios e apuntamentos que os profesores deixan no servidor (o servizo estrela) e un servizo de escritorio remoto, poden xestionar o acceso a internet das aulas e as faltas ou páxinas web persoais con contornos LAMP.

Outra das posibilidades máis atractivas son os servidores de aplicacións polo cal equipos xa obsoletos poden funcionar perfectamente servindo como terminais tontos dun equipo máis potente. Deste xeito conséguese un importante aforro e reciclaxe de equipos.

Aula de informática do IES Chan do Monte

Para facer funcionar este sistema é necesario o traballo conxunto de todos os profesores do departamento no mantemento. A través dun reparto de horas asignadas a esta fin e dun sistema de incidencias os docentes combinan os seus coñecementos.

“Somos seis profesores de mantemento. Ao principio todos faciamos todo e iso mostrouse como unha forma de traballar bastante custosa no sentido de que temos moi poucas horas consignadas ao mantemento e ocupamos demasiadas horas en comunicarnos. Ao final decidimos repartir moito as tarefas e comunicarnos o menos posible. Eu dedícome en exclusiva aos servidores, hai unha compañeira que se dedica á web e a algunhas aulas e o resto de compañeiros están asignados a aulas. Nas aulas estráganse continuamente todo tipo de cousas entón temos 30 e pico horas asignadas a mantemento.

As nosas capacidades están ben distribuídas, somos un bo equipo e imos tirando moi ben e comunicámonos por un sistema de xestión de incidencias tan sinxelo como unha lista de correo. Se a incidencia nos incumbe tratámola e se non o borramos.”

Esta forma de xestión do centro non só consegue un funcionamento eficiente e unha resolución áxil dos problemas senón que supón a formación continua do alumnado e do profesorado nas tecnoloxías da información e da comunicación.

Unha experiencia con continuidade

A tenor do visto Manuel Morán considera a experiencia positiva “unha das sorpresas máis positivas é que tampouco é imposible”. Para el unha das claves foi non impoñer o Software Libre senón explicar as súas vantaxes e que o cumprimento da lei non é opcional.

“Sorprendeume para ben que ao final o cambio non foi tan grave. Tampouco vou polos corredores coma unha persoa proscrita. E a xente non me sinala e di ‘Ese é o tío que nos quitou Word’. Por parte do equipo directivo e o profesorado houbo plena comprensión porque todo o mundo entendía que había que cumprir coa lei. ”

Biblioteca do centro

 
No aspecto negativo destaca a falta de interese por parte da Consellería de Educación polo seu proxecto en particular e pola innovación no eido educativo en xeral. Segundo Morán non buscan cartos porque co seu salario e a ilusión de ver que as cousas funcionan ben é suficiente. Simplemente buscan que o seu caso de éxito de mudanza tecnolóxica poda servir de experiencia a outros centros e fomentar desde a educación o desenvolvemento tecnolóxico e económico de Galicia.

O éxito dunha experiencia deste tipo descansa en boa medida na posibilidade de contar cunha persoa cos coñecementos e gañas suficientes para levar a cabo a iniciativa. Tal como nos confirma Benito Sánchez, director do departamento de informática sen o pulo e o saber facer de Manuel Morán non tería sido posible esta experiencia.

Os esforzos céntranse agora no mantemento dos servizos xa ofertados xa que un descenso da calidade nestes pode traer consigo o fracaso do proxecto existente. Arestora traballan na realización de clonados de equipos a través da rede e nun programa de autoinventariado. Ademais xa se traballa na extensión da experiencia do Chan do Monte. Un grupo de traballo do Centro de Formación e Recursos de Lugo para facer unha implantación similar nun instituto de Vilalba e noutro en Lugo. Manuel Morán reúnese co equipo destes centros que teñen implantados ciclos de formación de informática e comparte experiencias, resolve dúbidas, asesora…

En opinión de Morán o modelo é aínda máis facilmente exportable a centros que non conten cun ciclo informático xa que as esixencias tecnolóxicas son menores e habería menos problemas xa que non habería a necesidade impartir tecnoloxías privativas polo feito de ser as predominantes no mercado.

“O ensino público no canto de dedicarse a ser un actor de dinamización do desenvolvemento de Galicia estamos a ser unha academia de Software Privado. Seguir facéndolle o xogo ás compañías comprando o seu software e formando gratis a alumnos no seu produto custa moito diñeiro e non me parece xusto nin un bo xeito de gastar o diñeiro dos contribuíntes.”

 

 

O [[W3C]] fai pública a invitación á participación no novo Grupo de Traballo de HTML, constituído co obxectivo de crear un novo estándar HTML coa activa colaboración dos fornecedores de navegadores, desenvolvedores de software e deseñadores de contido.

“É o momento de retomar este estándar, ver que podemos facer para satisfacer as actuais necesidades da comunidade e facelo eficazmente co compromiso dos fornecedores de navegadores de forma visible e aberta,” comentou Tim Berners-Lee, Director do W3C.

Ao mesmo tempo, o W3C está organizando un Grupo de Traballo de Forms, e un Grupo de Traballo de XHTML2, así como a volta á actividade do Grupo de Coordinación de Hipertexto.

» Nota de prensa

http://www.mancomun.org/images/stories/logo_forxa.pngA administración da Forxa de mancomun.org está a activar unha serie de ferramentas que pretenden dinamizar a colaboración entre desenvolvedores. Neste caso, infórmase da existencia do taboleiro de ‘Peticións de axuda’ para Proxectos da Forxa. Este taboleiro non ten obxectivos comerciais e proporciona aos desenvolvedores dos proxectos a posibilidade de solicitar colaboración e aos voluntarios a oportunidade de coñecer os proxectos aos que poden prestarlles a súa axuda. As listaxes de proxectos mantéñense durante dúas semanas ou ata que son eliminadas polo peticionario, o que aconteza antes. As solicitudes serán accesibles por toda a comunidade da Forxa dende a pestana ‘Peticións de axuda’ (https://forxa.mancomun.org/people/).

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal