A Consellería de Traballo concederá axudas a empresas que teñan a consideración de Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, segundo publicou o Diario Oficial de Galicia (DOG) . Poderán beneficiarse das subvencións as compañías que inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde a súa cualificación como proxecto empresarial IEBT.
Estas axudas estarán destinadas á creación de emprego estable, á contratación de persoal técnico de alta cualificación, apoio da función xerencial, ó financiamento e ó comezo e posta en marcha da actividade.
Para o primeiro deses apartados, o departamento que dirixe Ricardo Varela achegará unha contía de 6.300 euros, 6.600 se o posto o ocupa unha persoa desempregada con título universitario e, se esta é muller, o importe poderá alcanzar os 7.200 euros. No referente ó segundo punto, a Consellería concederalles ás entidades unha subvención do 50% dos custos laborais totais, cun límite máximo de 30.000 euros.
A contía do incentivo para o apoio á función de xerencia será de ata o 75% do custo dos servizos recibidos, cun importe máximo de 12.000 euros. As subvencións financeiras non poderán superar os 6.300 euros por emprego estable creado. A Xunta poderá axudar con ata 54.000 euros as entidades que creen 21 ou máis postos de traballo.
Fonte: El Correo Gallego