Business Intelligence en GNU/Linux

O Software Libre está tendo un forte crecemento no eido da Intelixencia de Negocios (Business Intelligence, BI). Denomínase Intelixencia de Negocios ou Intelixencia Empresarial ao conxunto de estratexias e ferramentas adicadas á administración e creación de coñecemento mediante a análise de datos existentes nunha organización ou empresa.

Este conxunto de ferramentas e metodoloxías teñen en común as seguintes características:

» Accesibilidade da información. Os datos son a fonte principal deste concepto. O primeiro que deben garantir este tipo de ferramentas e técnicas será o acceso dos usuarios aos datos con independencia da procedencia destes.
» Apoio en toma de decisións. Búscase ir máis aló na presentación da información, de maneira que os usuarios teñan acceso a ferramentas de análise que lles permitan seleccionar e manipular só aqueles datos que lles interesen.
» Orientación ao usuario final. Búscase independencia entre os coñecementos técnicos dos usuarios e a súa capacidade para utilizar estas ferramentas.

e dacordo ao seu nivel de complexidade pódense clasificar as solucións de Business Intelligence en:

» Consultas e informes simples (Queries e reports)
» Cubos OLAP (Procesamento Analítico en Liña)
» Data Mining ou minería de datos
» Sistemas de previsión empresarial …

Para GNU/Linux podemos atopar, entre outras, as seguintes ferramentas: 

  • BIRT é un complemento para Eclipse desenvolvido por IBM e Oracle, que forman parte do consorcio de Eclipse: Eclipse Business Intelligence and Reporting Tools. BIRT é un sistema de informes que se pode integrar con aplicacións Java/J2EE para producir informes de produtividade.
  • R é un proxecto que funciona en contornos GNU/Linux, Mac e Windows. É unha ferramenta potente para realizar estatísticas computacionais mediante datos almacenados. A linguaxe R é similar a linguaxe S que foi desenvolvida po Bell Laboratories (AT&T).
  • JMagallanes é unha aplicación de usuario para a análise de información baseada en Olap e Informes Dinámicos, construída integramente en Java/J2EE. Combina informes estáticos (baseados en Jasper Reports), unha táboa pivote Swing para análise OLAP e gráficos (baseados en JFreeChart). Pode tomar datos de moitas orixes distintas como SQL, Excel, XML e outros, e producir distintas saídas como PDF, XML, e ficheiros específicos da aplicación que permiten xerar os reportes e utilizalos logo en forma off-line se fose requirido.
  • Pentaho BI Project, é o proxecto máis valorado no eido do software libre dotado de ferramentas para xerar informes, análises, cadro de mandos, minería de datos e traballo en grupo. Pentaho integra os proxectos Kettle, Mondrian e jFreeReport. A próxima versión de OpenOffice.org incluirá Pentaho coma unha ferramenta máis. Ligazóns relacionadas con Pentaho e das súas ferramentas:

Biblioteca java para programar solucións de informes embebidas
Kettle, ferramenta ETL,ferramenta que permite, sen programar ningún código, levar a cabo transformacións, extraccións, transporte e carga de datos complexos.
OpenOffice incluirá Pentaho

 

  • Mondrian é un servidor OLAP escrito en Java, que permite analizar grandes conxuntos de datos almacenados en base de datos relacionais sen escribir ningunha consulta SQL.
  • JasperReports xunto con iReport permite a xeración de informes dun xeito sinxelo, tendo a posibilidade de amosar o contido por pantalla ou impresora, ou xerar os resultados en formato PDF, HTML, XLS, CSV e XML. Permite configurar o acceso a distintas fontes, entre elas a base de datos que soporte JDBC. Ao ser unhas bibliotecas escritas en Java pódense integrar en aplicacións J2EE ou Web.
     
  • Talend Open Studio é unha solución de Integración de Datos e ETL. A interface gráfica está baseada no Entorno de Desenvolvemento Integrado Eclipse (RCP) e inclúe numerosos compoñentes para o modelado de negocio, implementacións técnicas de extracción, transformación e mapeo de fluxos de datos (ETL).
  • DataVision é unha ferramenta similar a Crystal Reports. Os informes poden ser deseñados empregando unha interface de arrastrar e soltar. Os informes pódense executar, visualizar e imprimir dende a aplicación ou ser exportados a formatos coma: HTML, XML, PDF, LaTeX2e, DocBook ou CSV.

 

Outras referencias:

Portal de información sobre ferramentas de BI

Artigo “OLAP e GNU/Linux” publicado na wikiaula.

Información na wikipedia do termo: Business Intelligence

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal