GeoCamp ES é un congreso nacional do colectivo internacional Geoinquietos.
Geoinquietos son grupos informais que se reúnen para conversar e aprender sobre calquera tema relacionado coas ciencias da Terra. Non existe (aínda) unha estrutura formal, polo que cada grupo se organiza ao seu xeito, aínda que hai certas características comúns, como dispoñer dun foro de discusión, xeralmente unha lista de correo, e dunha conta en Twitter. Podes consultar máis información nesta introdución a Geoinquietos.
A comunidade Geoinquietos sente unha especial afinidade pola enorme panoplia de servizos de xeodatos abertos dispoñibles en Internet, como os servizos INSPIRE, proxectos comunitarios como OpenStreetMap e a ampla oferta de software libre de calidade profesional empregada mundialmente en todo tipo de servizos e aplicacións SIX (SIG), especialmente arredor da comunidade OSGeo. Pero tamén está aberta a profesionais da xeomática que traballan con software propietario e que gozan compartindo coñecementos e aprendendo en grupo.
Este congreso é sen ánimo de lucro, de asistencia gratuíta e autofinanciado.
Este ano, o formato de GeoCamp é o de Open Space: todas as persoas participantes desempeñan un papel activo no desenvolvemento do evento para aumentar a interacción entre asistentes de igual a igual (en lugar do modelo tradicional de conferencia de comunicación dun a moitos), sendo capaces, con axilidade e improvisación, de satisfacer espontaneamente as inquedanzas das persoas participantes, tanto as que traian da casa como as que xurdan durante a xornada.


