O sábado 9 de maio, entre as 11.00 e as 19.00 horas, volven á cidade as tradicionais actividades do ciclo Ciencia na rúa, coa participación do Concello, dos Museos Científicos Coruñeses, da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e da Cátedra EMALCSA-UDC. Será unha xornada repleta de charlas, ciclos, experimentos e talleres para todos os públicos, con especial participación do alumnado dos colexios. En total, 44 centros educativos da Coruña, Cambre, Carral, Arteixo, Culleredo, Coristanco, Oleiros, Ordes, Ribadeo, Ortigueira, Baio e Poio.
Este ano, debido ás obras de remodelación que están a executarse no Parque de Santa Margarida, as actividades deste lugar trasládanse aos Xardíns de Méndez Núñez, con 54 espazos nos que alumnado, profesorado e persoal de centros educativos, institucións científicas e centros universitarios despregarán o seu programa para todos os públicos. Ademais, nos soportais da Casa das Ciencias desenvolveranse tamén actividades paralelas ofrecidas pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, a Asociación Galega de Xadrecistas-AGAX, Bricolabs, Incude (Iniciativas Culturais e Deportivas universitarias), e un taller de papiroflexia.
O Concello presenta a 30ª edición do programa Ciencia na Rúa, que se celebrará este sábado


