Nesta entrega veremos Syncthing, programa libre multiplataforma para a sincronización continua de ficheiros. Sincroniza ficheiros entre dous ou máis dispositivos en tempo real. Os teus datos serán só teus e estarán seguros.

Sincronizar ordenadores e dispositivos pode ser moi complicado para usuarios non expertos, pero con Syncthing esta tarefa faise doada e rápida, sen necesidade de ter coñecementos sobre IP’s, protocolos de conexión ou cifrado de datos. Poderemos sincronizar carpetas e arquivos entre ordenadores e dispositivos móbiles.
Características principais
– Privado. Os teus datos non se gardan en ningún outro lugar que non sexan os teus propios ordenadores. Non hai ningún servidor central que poida ser comprometido, legal ou ilegalmente.
– Cifrado. Toda a comunicación está asegurada usando TLS. O cifrado utilizado inclúe seguridade para evitar que accedan aos teus datos.
– Autenticado. Cada dispositivo está identificado cun forte certificado criptográfico. Só os dispositivos que permitiches explicitamente poden conectarse cos teus outros dispositivos.
– Protocolo aberto. O protocolo é unha especificación documentada.
– Código aberto. Todo o código fonte está dispoñible en GitHub.

– Desenvolvemento aberto. Calquera erro que se atope é inmediatamente visible para que calquera persoa o poida consultar, non hai fallos ocultos.
– Discurso aberto. O desenvolvemento e o uso están sempre abertos á discusión.
– Potente. Sincroniza tantas carpetas como precises con diferentes persoas ou só entre os teus propios dispositivos.
– Portátil. Configura e supervisa Syncthing a través dunha interface sensible e potente accesible a través do teu navegador. Funciona en Mac OS X, Windows, GNU/Linux, FreeBSD, Solaris, OpenBSD e moitos outros. Execútalo nos teus ordenadores de escritorio e sincronízao co teu servidor para facer copias de seguridade.
– Sinxelo. Syncthing non necesita enderezos IP nin configuración avanzada: simplemente funciona, na LAN e na Internet. Cada máquina está identificada cun ID. Dalle o teu ID aos teus amigos, comparte unha carpeta e observa: UPnP fará o traballo se non queres abrir portos ou non sabes como facelo.