Neste informe de seguimento do plan de acción 2016 amósanse os principais logros acadados no ano nos tres eixos de actuación principais: Tecido empresarial, cidadanía e administración pública.
No referente ao fomento do software libre no tecido empresarial galego, o Centro Demostrador TIC de Galicia continúa a ser o eixo vertebrador das distintas iniciativas de fomento de software libre nas empresas. En conxunto, durante o ano 2016 mantívose a liña do ano anterior, con máis da metade das actividades organizadas relacionadas co software libre. En particular, cómpre salientar os resultados do CDTIC Virtual a través do cal as empresas poden probar distintas aplicacións (ata 6 aplicacións no final de 2016 ) como servizo na nube, sendo Owncloud a solución máis demandada.
Así mesmo, neste eido empresarial, os resultados dos estudos realizados polo Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia (OSIMGA), sobre o uso de software libre nas empresas e empresas TIC de Galicia amosan unha consolidación no uso do software libre, cunha leve tendencia á alza. Os datos correspondentes a 2016 amosan que o 85,7% das empresas, o 49,8% das microempresas e o 87,2% das empresas TIC galegas empregan software libre.
No referente ás actuacións dirixidas á cidadanía, un ano máis estiveron centradas na formación e a difusión para o que se contou coa colaboración do ecosistema galego do software libre como son as Asociacións de usuarios de Software Libre (AGUSL), a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL), a Oficina de Software Libre do CIXUG ou o Colexio Profesional de Enxeñería Técnica de Galicia (CPETIG).
No tocante á formación, a través dos diferentes recursos cos que conta a Xunta de Galicia (Rede CeMIT, CNTG, EGAP, CDTIC, etc…) e os distintos axentes implicados impartíronse máis de 35.000 horas de formación en software libre a máis de 47.000 persoas.
Neste eido cómpre considerar tamén a énfase que dende a Amtega se vén realizando na formación da nosa mocidade en software libre a través do proxecto Abalar. Así mesmo, asociacións como Ghandalf, GPUL, Xeopesca ou Trasno organizaron un ano máis diversas actividades para achegar o software libre ao sector educativo e á cidadanía en xeral. Neste sentido, é necesario ter en conta que para construír sólidos alicerces para a consolidación desta aposta cara ao futuro, resulta fundamental a formación en materia de software libre das seguintes xeracións.
Finalmente, cabe mencionar que no ámbito da mellora da administración pública, durante este ano 2016 avanzouse no plan de migración do posto do empregado público, grazas ao cal, a finais de 2016 un total de 3.200 postos contan con LibreOffice como única solución ofimática instalada, co conseguinte aforro en licenzas. Por outra parte, cómpre salientar a progresiva actualización e migración dos proxectos tecnolóxicos existentes na Amtega á plataforma de software corporativa onde se priman solucións libres, plataforma que xa están a empregar todos os novos desenvolvementos. Así mesmo, liberáronse dous novos proxectos de software desenvolvidos pola administración pública e resolvéronse diversas consultas a través do servizo de asesoramento ao persoal TIC da administración pública para o uso, reutilización e liberación de software.
No documento do balance descríbense e analízanse con maior nivel de detalle os distintos logros acadados.
