Martes, 16 Marzo 2021

Balance do plan de acción 2020

PDF

A avaliación das actividades realizadas así como a análise dos obxectivos alcanzados son dous piares fundamentais de toda estratexia de mellora continua. Por esta razón, a AMTEGA vén realizando cada ano estas dúas prácticas como eixo fundamental da súa política de software libre.

Así pois, neste documento preséntase o balance das actuacións para o fomento do software libre desenvolvidas durante o exercicio 2020. A pesar das dificultades orixinadas polo COVID19 e as restricións motivadas polo ben da saúde pública, a gran maioría de obxectivos puidéronse ver cumpridos, adaptando as actuacións as circunstancias e con gran compromiso por parte de todo o tecido de software libre implicado.Así pois realizáronse 41 actuacións dirixidas tanto á cidadanía en xeral como ao sector empresarial en particular, así como á propia administración pública. Cómpre destacar que parte destas actuacións supuxeron máis de 25.000 horas de formación en software libre a preto de 19.500 persoas.

No ámbito do tecido empresarial galego, destacar que o Centro Demostrador TIC segue a ser o punto de referencia que aglutina a maioría das actividades de fomento do software libre empresarial. Así podemos destacar, que case o 90% da súa oferta formativa estivo relacionada con tecnoloxías libres ou metodoloxías ou tecnoloxías TIC de carácter xenérico. Durante o 2020 algo máis de 400 empresas galegas participaron nas actividades desenvolvidas sobre solucións de software libre. Incorporouse unha nova solución ao Centro Demostrador TIC Virtual, que conta xa cun total de 10 solucións. Pola súa parte dende o portal mancomun.gal reforzouse a difusión de solucións TIC, artigos tecnolóxicos e entrevistas de casos de éxito de interese para as empresas durante o 2020, con énfase especial no teletraballo.

No relativo á cidadanía en xeral, podemos destacar que durante este ano mantívose a difusión a través do portal Mancomún, con máis de 500 novas publicadas no mesmo. O podcast de Mancomún consolidouse como unha nova forma de difusión, que non deixa de medrar en oíntes. Pola súa parte, grazas á colaboración cos diferentes axentes do software libre de Galicia conseguiuse a realización dun total de 34 actividades ao longo da xeografía galega, que aínda que son un número menor co respecto a outros anos, por motivo das restricións fronte á COVID19, ao ser maiormente online, chegaron a un gran número de persoas. Todas estas actividades foron de carácter gratuíto e abertas ao público xeral relacionadas con temáticas diversas tanto no ámbito do software como do hardware libre.

Por último, pero non menos importante, destacar no ámbito da administración pública, a liberación de dous novos proxectos como software libre por parte da Xunta de Galicia; a difusión e formación en software libre para o persoal ao servizo da administración así como a evolución continua da plataforma corporativa de desenvolvemento de aplicacións na que maioritariamente se inclúen solucións libres.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal