Mércores, 16 Marzo 2016

Informe de seguimento do Plan de acción 2015

Vídeo

A Amtega vén apostando dende o ano 2010 polo Software Libre como eixo fundamental sobre o que construír unha administración moderna e máis eficiente, fomentar o emprego das TIC entre o tecido empresarial galego, e facilitar o achegamento e capacitación da cidadanía ás novas tecnoloxías. Esta estratexia plásmase anualmente no Plan de Acción de Software Libre, no que se priorizan as iniciativas máis importantes para cumprir os obxectivos e metas fixadas, tendo en conta os puntos fortes e as oportunidades de mellora existentes na promoción e fomento do uso de Software Libre en Galicia.

No presente documento amósanse os principais logros acadados sobre os obxectivos planificados, agrupándoos nas tres liñas de actuación destacadas: Administración Pública, Tecido Empresarial e Cidadanía.

No ámbito da mellora da administración durante este ano 2015 avanzouse no plan de migración do posto do empregado público, grazas ao cal, a finais de 2015 un total de 1.520 postos contan con LibreOffice como única solución ofimática instalada, co conseguinte aforro en licenzas. Por outra parte, cómpre salientar a progresiva actualización e migración dos proxectos tecnolóxicos existentes na Amtega á plataforma de software corporativa onde se priman solucións libres, plataforma que, por suposto, xa empregan todos os novos desenvolvementos. Finalmente, no relativo á reutilización de solucións libres doutras administracións públicas, durante o ano 2015 consolidáronse proxectos como Notific@ ou o sistema de tramitación electrónica, que se basean na reutilización de software desenvolvido pola Junta de Andalucía.

No tocante á formación, durante o 2015 houbo un importante incremento da oferta formativa respecto do ano anterior, cun total de 4000 horas de formación en tecnoloxías libres a uns 3700 empregados ao servizo da administración pública.

No referente ao fomento do software libre no tecido empresarial galego, os estudos realizados polos OSIMGA amosan unha certa estabilidade no uso de software libre nas empresas da nosa comunidade, mantendo variacións moi lixeiras a maioría dos indicadores no sector TIC. Así a porcentaxe de empresas que empregan software libre sitúase en torno ao 85%. O elemento vertebrador das actuacións de fomento do software libre ás empresas, segue sendo o Centro Demostrador TIC de Galicia. Durante o ano 2015, o 60% das actuacións desenvolvidas polo mesmo estiveron relacionadas con tecnoloxías libres, supoñendo un incremento de case 20 puntos respecto do ano anterior. Así mesmo, o Centro Demostrador TIC Virtual, conta xa con 4 aplicacións que as empresas poden probar como servizo na nube.

Durante o 2015 cómpre destacar a celebración da xornada “(R)evoLuƧión”, organizada por AGASOL, centrada en amosar ao empresariado tic galego os modelos de negocio en torno ao software libre, e a LibreCon 2015 que se celebrou na Cidade da Cultura de Galicia, organizada por AGASOL, ASOLIF e o Clúster TIC, e que contou coa colaboración da Amtega.
Finalmente no ámbito da Cidadanía, as iniciativas impulsadas durante este último ano estiveron arredor da formación e da difusión, apoiándose no enorme ecosistema asociativo, que neste ámbito, se desenvolve en Galicia, como son as Asociacións de usuarios de Software Libre (AGUSL), a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL), a Oficina de Software Libre do CIXUG, o Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia (CPEIG), o Colexio Profesional de Enxeñería Técnica de Galicia (CPETIG), etc. As continuas sinerxías que dende a Amtega se veñen buscando con estes e outros colectivos, garanten unha maior porcentaxe de éxito nos obxectivos marcados.

Neste eido cómpre destacar a organización, por parte da asociación GPUL, da  Akademy 2015, a reunión anual da comunidade internacional de desenvolvedores e usuarios do contorno de escritorio KDE. Isto xunto coa celebración da LibreCon 2015, fixeron que Galicia fose novamente o epicentro do software libre a nivel internacional como xa acontecera no ano 2012 coa celebración da LSWC 2012 e a Guadec 2012.

No tocante á formación, a través dos diferentes recursos cos que conta a Xunta de Galicia (Rede CeMIT, CNTG, EGAP, CDTIC, etc…) impartíronse un total de máis de 31.000 horas de formación en software libre a máis de 39.500 persoas.

Para finalizar, non podemos esquecer os esforzos feitos para levar o software libre ao sector educativo, tanto a estudantes do sistema de ensinanza obrigatorio como do sistema universitario, así como para o propio profesorado, xa que non podemos esquecer que para que esta aposta se consolide no futuro é primordial a formación en materia de software libre das seguintes xeracións.

Estas son só unhas pinceladas dos avances máis salientables das actuacións desenvolvidas durante o ano 2015, que se describen máis polo miúdo no documento de Balance do Plan de Acción Software Libre do ano 2015.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal