Mancomún
Mércores, 16 Marzo 2016

Plan de acción 2016 en materia de Software Libre

PDF

A Axenda Dixital 2020 recolle o Software Libre como un dos principios para a xestión eficiente das distintas iniciativas.

O impulso do uso do software libre e de estándares abertos e fomento da reutilización de solucións, serán ferramentas para garantir a interoperabilidade dos sistemas informáticos e achegar a tecnoloxía á sociedade evitando a dependencia de determinados provedores TIC e os custes recorrentes.

Neste contexto a Amtega continua mantendo a súa aposta polo uso do Software Libre plasmada no plan de acción en software libre 2016 cos seguintes eixos de actuación principais:

  • Fomento da reutilización do software na administración pública.
  • Impulso dunha oferta de solucións baseadas en software libre dirixida ás empresas.
  • Achegamento do software libre ao conxunto da sociedade.

En torno a estes eixos de actuación defínense unha serie de actuacións, que como vén sendo habitual desenvolveranse a través da colaboración cos distintos axentes do ecosistema do Software Libre galegos.

No eixo de actuación da propia administración pública, a Amtega continuará avanzando no plan de migración do posto do empregado público a ofimática libre; manterá o seu compromiso de publicación e liberación de dúas novas solucións de software desenvolvidas pola Xunta de Galicia; e continuará coa súa aposta pola reutilización de software e contidos, impulsando entre os responsables TIC o coñecemento de casos de éxito doutras administracións públicas e por outra parte fomentando o coñecemento dos casos de éxito propios, fóra da nosa comunidade a través do Catálogo do CTT e de Joinup, o portal europeo da reutilización.

A Xunta de Galicia seguirá a ser referencia e exemplo de políticas de eficiencia e bo uso de tecnoloxías libres grazas á implantación de solucións de software libre na súa infraestrutura tecnolóxica coa consecución de aforro e mellora de produtividade, publicando o software que se desenvolve internamente como Software Libre de cara a fomentar a súa reutilización, establecendo relacións con outras administración e entidades estatais e europeas para colaborar en materia de Software Libre.
Dentro do avance e mellora continua da e-administración, e co obxectivo de garantir a interoperabilidade e a neutralidade tecnolóxica continuarase a traballar para avanzar na interoperabilidade cos sistemas informáticos da administración pública, establecendo contornas de referencia que permitan o seu uso con software libre.

Finalmente, continuarase coa prestación de servizos implantados nos últimos anos en materia de asesoramento na implantación de Software Libre, formación en tecnoloxías libres aos empregados públicos e a promoción do uso de estándares abertos en todos os novos desenvolvementos.

No ámbito empresarial, un ano máis as actuacións enfocaranse a promover a oferta de solucións de calidade baseadas en software libre dirixida ás empresas, para favorecer a súa mellora en eficacia e competitividade. Esta estratexia canalizarase a través de actuacións desenvolvidas no Centro Demostrador TIC que continuará a ser o elemento vertebrador das actuacións de fomento das TIC en xeral e do Software Libre en particular dirixidas ao empresariado. Durante o 2016 reforzarase o Centro Demostrador TIC Virtual con novas aplicacións á disposición das empresas. Por suposto, en consonancia coas demandas do sector empresarial, continuarase coa oferta de demostracións e formación en Software Libre, así como asesoramento particularizado ás pemes en canto a solucións libres adaptadas ás súas necesidades.

Finalmente, no ámbito da alfabetización e capacitación avanzada da cidadanía cómpre destacar as actuacións que se promoverán a través da Rede CeMIT, a  colaboración coas Asociacións de Usuarios de Software Libre de Galicia, e no ámbito educativo as actuacións realizadas a través do proxecto Abalar, e aquelas en colaboración co CIXUG no eido universitario.

Seguiranse a prestar os servizos implantados nos últimos anos en materia de asesoramento na implantación de Software Libre e seguirase facendo tamén fincapé na difusión tanto para empresas como para a cidadanía, con novos servizos como boletíns periódicos con novas e casos de éxito de Software Libre ou una axenda de actividades de Software Libre en Galicia.

No plan detállanse as actividades a desenvolver nos distintos eixos de actuación, co obxectivo de que un ano máis poidan contribuír a acadar un sector empresarial máis competitivo, unha administración dixital máis eficiente e próxima á cidadanía e unha sociedade con maiores competencias dixitais.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal