Martes, 11 Xullo 2023

Plan de Software Libre 2023

Vídeo

O plan de Software Libre recolle os compromisos, obxectivos e actividades promovidas dende a administración pública en colaboración cos axentes galegos do Software Libre para a difusión e o fomento do uso de Software Libre en Galicia en tres ámbitos principais de actuación: empresas, cidadanía e a propia administración pública.

A Oficina de Software Libre da Xunta de Galicia, encadrada na Área de Sociedade Dixital da AMTEGA, é a encargada de canalizar todas as accións recollidas neste plan, así como asesorar aos distintos axentes do goberno rexional en materia de software libre e datos abertos. Ofrece, ademais, labores de asesoramento e difusión a outras administracións locais, así como ao sector privado e á cidadanía.

O fomento do uso do Software Libre nas empresas é un dos ámbitos de actuación aos que a Amtega presta especial atención como medio para contribuír á mellora da eficacia e competitividade deste sector.

Ademais das actuacións coordinadas pola Oficina de Software Libre da Amtega, cóntase tamén coa colaboración de AGASOL (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre).

Outro dos eixos nos que se enfocan as actuacións de fomento e difusión do software libre dende a Amtega é a cidadanía. Neste ámbito a Amtega manterá a colaboración cos diversos axentes do ecosistema galego do software libre, como as Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre (AGUSL), o Consorcio Interuniversitario de Galicia (CIXUG) e os Colexios Profesionais, para a organización de actividades de promoción de Software e Hardware Libre para diferentes colectivos da cidadanía. Destacando tamén as actuacións que se promoverán a través da Rede CeMIT.

No eido da administración pública, as principais liñas de actuación consistirán en manter a aposta pola reutilización de software libre para o desenvolvemento de novos servizos, mediante o asesoramento e a difusión entre os responsables TIC de casos de éxito doutras administracións públicas; a difusión dos casos de éxito propios fóra da nosa comunidade; así como o fomento da publicación e liberación de novas solucións de software desenvolvidas pola Xunta de Galicia.

O portal mancomun.gal manterase como o portal público de referencia na difusión de software libre en Galicia. Nel, a Oficina de Software Libre da Amtega recolle as novas e a actualidade do ecosistema galego, ademais de servir de canle a través da que se dará conta das actuacións promovidas pola Amtega para o fomento do software libre na comunidade.

Como se vén facendo de xeito habitual, a través do portal reforzaránse outras actuacións que se veñen levando a cabo para a difusión do software libre entre a cidadanía, incorporando novos medios de difusión e potenciando a elaboración de material audiovisual, que complemente as outras liñas de actuación, como entrevistas, videotitoriais, pílulas informativas ou reportaxes sobre eventos.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal