Mancomún
Xoves, 22 Outubro 2026

WordCamp Galicia 2026: código aberto e comunidade

Vídeo

Máis de 250 persoas tomaron a Facultade de Dereito do Campus de Elviña do 16 ao 18 de outubro para converter A Coruña na capital galega de WordPress. Houbo charlas, obradoiros, un hackathon solidario e, por suposto, pulpada.

Que pasa se xuntas a máis de 250 programadores, deseñadoras, xornalistas, emprendedores e curiosos varios nunha facultade de Dereito? Que ninguén sae xulgado, pero todo o mundo sae cunha web nova, un par de contactos máis na axenda e o estómago ben cheo. Iso foi, máis ou menos, a WordCamp Galicia 2026, que encheu o Campus de Elviña de enerxía open source durante tres días.

Desde Mancomún achegámonos para velo e, de paso, para preguntar quen está detrás de todo este rebumbio.

Tres días, tres ambientes

O venres foi o día de quentar motores. Pola mañá, Fernando Tellado impartiu un obradoiro de iniciación a WordPress para quen quería dar os primeiros pasos. E logo chegou o Do_action, un hackathon solidario no que perfís con experiencia (xente de programación, de deseño, de copywriting…) se xuntaron para deixar rematadas e funcionando as webs de varias entidades sen ánimo de lucro. Chegaron sen web e marcharon con ela feita: así da gusto.

O sábado foi o día grande, con dúas liñas de programación —unha principal e outra máis enfocada a obradoiros— e relatores de aquí, do resto do Estado e doutros países.

E o domingo chegou o Día da Comunidade, que vén sendo darlle a volta á tortilla: en vez de recibir de WordPress, tocaba devolverlle un pouquiño do moito que nos dá. Traducións, colaboración co core e co resto de equipos do proxecto… cada achega fai o software un chisco máis grande.

Ah, e entre unha cousa e outra, pulpada. Porque a tradición manda, e cando a tradición vén con polbo ninguén lle leva a contraria.

Sete meetups, unha soa festa

O máis bonito desta historia é quen a fai posible. As meetups de WordPress de toda Galicia decidiron hai un tempo deixar de facer cada unha a súa festa e xuntarse para montar unha ben grande, unha WordCamp Galicia para todas.

Para que nolo contasen de primeira man, sentámonos con dous dos tres líderes da organización, Carla Pumutxa e Carlos Longarela (a terceira é Mónica Saavedra, que tamén ten a súa parte de culpa en todo isto).

Carla, que se encarga da comunicación e das redes sociais, defíneo así:

«A WordCamp é un punto de encontro para a xente do contorno dixital. Durante tres días estamos convivindo, indo a charlas e relatorios, facendo moito networking e falando; é como o punto de reunión da familia de WordPress.»

E Carlos explica as contas das meetups galegas… coa precisión propia dunha comunidade que medra ás présas:

«Unímonos todas nas meetups de Galicia, que somos sete, nove… Creo que hai dúas incipientes, pero bueno, asentadas creo que son sete.»

Sete, nove… o importante é que son moitas e que reman todas na mesma dirección. Como explica Carlos, as meetups son os encontros locais de cada cidade ou vila, a base de todo; a WordCamp é o momento no que se xuntan todas baixo o mesmo teito.

Software libre, web propia

Pero, ao final, por que tanto entusiasmo por unha ferramenta? Carlos ten clara a resposta e non pode ser máis do noso gusto:

«WordPress é un software open source, e creo que iso é moi importante: código aberto, co cal non pertence a ningunha gran compañía. É un software que nos permite facer a nosa web propia, a nosa tenda de comercio electrónico, calquera cousa para que teñamos a nosa presenza na rede e que sexa nosa.»

Que sexa nosa. Poucas frases resumen mellor por que o software libre importa.

E a comunidade, insiste Carlos, é ben diversa: xente que se dedica á programación, á comunicación, ao xornalismo, ao deseño e a «moitísimas ramas diferentes», pero que comparte un mesmo fin.


Se queres coñecer a túa meetup de WordPress máis próxima ou animarte a participar na seguinte edición, a comunidade galega de WordPress recíbete cos brazos (e o código) abertos. Tes toda a información na web oficial da WordCamp Galicia 2026, nas súas novas e na páxina de contacto.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal