As axudas das empresas buscan o cumprimento de tres obxectivos básicos do PEGSI: o desenvolvemento do sector empresarial da sociedade da información, a aplicación das TIC ao tecido empresarial galego e seguir unha estratexia de interoperabilidade, seguridade e coñecemento aberto que afecta ás dúas anteriores e promove o emprego dos estándares abertos para garantir a autonomía tecnolóxica do tecido empresarial galego e fomentar a súa capacidade de innovación. Ademais non se abonará en ningún caso custes de licenza de software dos proxectos seleccionados.
As axudas ás empresas contemplan cinco liñas básicas:
- Infraestrutura interna das empresas para a sociedade da información: Destinado á dotación de infraestruturas TIC.
- Aplicacións informáticas nas empresas para a sociedade da información: Empresas de calquera sector que adopten as TIC a través de melloras substanciais nos elementos centrais dos seus sistemas de información. Nesta liña recóllese un apartado para a implantación de aplicacións informáticas baseadas en código aberto e realizadas para o solicitante, ou adaptación en profundidade de aplicacións informáticas baseadas en código aberto, destinadas aos sistemas centrais de información e de xestión de empresas solicitantes.
- Apoio ao desenvolvemento do sector TIC: Destinada ás empresas TIC busca xerar novos produtos e servizos. Tamén hai un apartado específico adicado ao código aberto no que se promove a liberación do código no repositorio galego A Forxa.
- Formación técnica e promoción do sector das TIC: Orientada á formación interna das empresas TIC.
- Apoio ás empresas TIC no sector audiovisual: Axudas específicas ás empresas TIC que xeran novos produtos e servizos audiovisuais.
Axudas a asociacións
A segunda convocatoria está destinada a promover actuacións de difusión e formación relacionadas co desenvolvemento da sociedade da información. Poden acollerse a estas axudas as entidades sen ánimo de lucro e, especificamente, universidades e colectivos de persoas desfavorecidas.
Subvencionaranse a instalación de aulas de formación, a organización de eventos ou o material de promoción entre outros conceptos.
