Innovación e Igualdade presentan o software para a xestión de bancos do tempo no rural

Innovación e Igualdade presentan o software para a xestión de bancos do tempo no rural

A secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, a directora xeral do Servizo Galego de Igualdade (SGI), Ana Luísa Bouza, e a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Elena Veiguela, presentaron hoxe en Santiago a ferramenta informática de xestión dos bancos de tempo no rural galego. A través de dúas experiencias piloto en Allariz e Foz reforzarase a conciliación da vida persoal e laboral no rural coa axuda das TIC.

Cyclos é a ferramenta informática encargada da xestión destes bancos de tempo. Trátase dunha aplicación libre adaptable ás necesidades e peculiaridades de cada  entidade xestora. O software foi localizado pola Consellería de Innovación e empregarase nos bancos de tempo de Allariz e Foz. O programa está dispoñible para toda aquela institución ou asociación que o desexe desde o portal de Mancomun.org.
 
Presentación do Cyclos

Elena Veiguela expuxo as principais características de Cyclos entre as que destacou a súa adaptabilidade. Segundo Veiguela, a localización de Cyclos responde ao estilo de traballo da Consellería de Innovación que busca a conxunción de esforzos e iniciativas entre asociacións cidadás e institucións para o desenvolvemento de proxectos de dinamización da sociedade da información.

O Software Libre ferramenta para superar a fenda dixital

A directora xeral de Promoción Industrial e de Sociedade da Información declarou que confía en ter nos próximos meses localizado ao galego unha masa crítica de aplicacións suficiente para cubrir as demandas da sociedade. Esta actuación, así coma a promoción do Software Libre entre a cidadanía veñen contempladas no Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI).  

Ana Luísa Bouza salientou o papel do Software Libre coma ferramenta para superar a fenda dixital entre as mulleres e, especialmente, no eido rural. O Servizo Galego de Igualdade vai comezar no mes de abril, nos concellos de Foz e de Allariz, as xornadas formativas para os técnicos que van xestionar os bancos de tempo nestes dous municipios. Os técnicos recibirán a formación técnica para o manexo do Cyclos que facilitará a xestión destas entidades.

A través desta iniciativa as persoas do eido rural poderán intercambiar tempo das súas tarefas entre elas para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar. O proxecto terá lugar durante o presente ano e contémplase a súa ampliación a outros concellos a partir do 2008.

Bancos de tempo

Un banco de tempo é un sistema de intercambio de servizos no que a unidade de intercambio non é o diñeiro, senón unha medida temporal, por exemplo, unha hora. É, polo tanto, un sistema de troco de servizos por tempo, que se pode usar posteriormente para adquirir un produto ou servizo ofrecido por outro usuario.

Este sistema de economía social é iniciado e mantido por un colectivo, que é quen funciona coma se fose o banqueiro. É dicir, abre as contas, verificando a identidade da persoa para garantir a claridade e seguridade do sistema, xa que é un sistema de confianza mutua; verifica que todo o sistema estea en marcha e serve de mediador en conflitos entre usuarios.

Os usuarios, logo de darse de alta, reciben un pequeno préstamo para poder iniciar a súa conta. O usuario pode ofrecer produtos e servizos a cambio de horas ou a moeda non oficial que se conveu. Unha vez fornecido o servizo realízase o pago a través do sistema. O usuario que ofreceu o servizo pode usar o tempo recibido para comprar outro produto ou servizo ofrecido por calquera outro usuario no sistema.

Cyclos 

Cyclos é unha ferramenta informática dende a que se poden xestionar todos estes procesos, é dicir, buscar usuarios, produtos e servizos, así como facer e recibir pagos. Toda a información dun usuario vai nunha páxina de datos persoais, que se pode modificar para facilitar que estes se atopen no banco de tempo. Permite, asemade, pór anuncios pedindo produtos ou servizos que se ofrezan ou demanden.

Cyclos posibilita facer pagos e estes recíbense directamente na conta da persoa receptora (vendedor). Para transaccións máis formais pódese enviar, incluso, unha factura e en canto esta se acepte, prodúcese o pago. Todos os pagos pódense ver nun historial de pagos. A ferramenta permite ademais que os usuarios podan pór referencias doutros usuarios no banco de tempo. Os administradores poden enviar noticias a todos os usuarios, así como mensaxes persoais cando sexan necesarios.

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal