O Foro para os Estándares Telefónicos de Linux (LiPS Forum) ten previsto lanzar as súas primeiras especificacións co obxectivo de animar á comunidade a desenvolver aplicacións en Linux para teléfonos móbiles. O foro creado no 2005 traballa na estandarización dunha serie de software que faga máis sinxelo a creación deste tipo de aplicacións.
O LiPS Forum usa un marco de traballo (framework) baseado en Gnome GTK toolkit por contar cun maior número de usuarios. As especificacións lanzadas definen aspectos coma o libro de direccións, o habilitador de chamada por voz, o editor de texto e outras aplicacións.
A seguinte quenda de especificacións terá que ver con mensaxería instantánea e a posibilidade de cambiar a interface do teléfono. Está prevista unha terceira quenda relacionada co modo no que as aplicacións empregan diferentes recursos do móbil.
China e Xapón son arestora os maiores usuarios de Linux nos teléfonos móbiles.