Lliurex é a distribución GNU/Linux da Comunidade Valenciana orientada á educación que apoia á formación dos rapaces do ensino non universitario da comunidade levantina. A partir de agora Lliurex será actualizada puntualmente cada seis meses e contará con localizacións a outros 12 idiomas entre os que se inclúe o ruso, árabe ou o romanés para facilitar a integración dos inmigrantes.
Cabe salientar que nos dous anos de existencia deste proxecto de innovación educativa máis de 70.000 docentes asistiron a algún dos 3.700 cursos que a administración pública valenciana organizou para formar aos profesores no emprego desta ferramenta. Lliurex está presente en todos os centros educativos valencianos e úsase en exclusiva no 40% dos centros (uns 626). Dos 68.000 computadores do sistema educativo desta comunidade máis do 58% usan Lliurex.