Mancomún

Mancomún distribuirá DVDs da PEME na sétima edición do Festigal

Mancomún distribuirá DVDs da PEME na sétima edición do Festigal

A organización do evento dotará de especial protagonismo ao Software Libre cun espazo propio adicado a esta temática

Festigal08O Software Libre será un dos contidos estrela da sétima edición do Festigal, o “Festival de música, tendencias e diversidade de Galiza”, organizado pola Fundación Galiza Sempre e a asociación Galiza Nova entre os días 24 e 25 de xullo en Santiago de Compostela.

Este evento, coñecido especialmente polo seu programa de concertos vencellados á cultura galega, concede tamén especial relevancia a outros contidos e tendencias que están irrompendo con forza entre a sociedade galega. A este respecto, a organización disporá unha “galería de software”, na que se darán a coñecer distintas iniciativas desenvolvidas no eido do Software Libre en Galiza.

O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, Mancomún, estará presente nesta galería xunto co Grupo de Usuarios de Linux de Galicia (GLUG), o Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon) e a Asociación de Usuarios GNIX (AGNIX).

Mancomún aproveitará a súa participación no evento para promocionar e difundir a labor que dende a Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información se está a realizar no campo do Software Libre e distribuír de xeito gratuíto o DVD de ferramentas informáticas para a PEME. Este paquete de aplicacións, foi desenvolvido por Mancomún co propósito de satisfacer as necesidades informáticas básicas da PEME galega de xeito gratuíto e en galego, ao tempo que se daba a coñecer as vantaxes do Software Libre empresarial. Mancomún é ademais colaborador no evento, no seu compromiso por apoiar as actividades máis relevantes de divulgación do software libre en calquera ámbito e situación.

Así mesmo a galería de software prevé un interesante programa de actividades entre os que destacan a presentación da aplicación dun mundo virtual, ao estilo de Second Live pero baseado en tecnoloxías abertas, a exposición do proxecto Ainfogra e a Ainfovac (o día 25 ás 19:30 h.) ou a difusión do sistema de microblogging: Lareta .

Máis información: Festigal

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal