Mancomun.org cumpre un ano como axente catalizador dos proxectos de Software Libre de Galicia

Mancomun.org cumpre un ano como axente catalizador dos proxectos de Software Libre de Galicia

Mancomun.org, a iniciativa da Dirección Xeral de Promoción e Sociedade da Información (DXPSI) para promover e difundir o Software Libre, cumpre un ano como axente catalizador dos diferentes proxectos sobre Software Libre existentes en Galicia.

Mancomun.org Aniversario

Coincidindo coa existencia desta iniciativa os eventos de difusión celebrados desde hai un ano, máis de 90, duplicaron aos que tiveron lugar no bienio anterior. Durante este ano de actividade de Mancomun.org a PEME, o ensino non universitario e a administración local tomaron conciencia da existencia dunha alternativa tecnolóxica máis innovadora, de menor custe e cunha maior capacidade de adaptación ás necesidades dos usuarios.

Desde Mancomun.org queremos agradecer a todas as persoas e institucións que colaboraron con nós neste ano polo seu traballo e adicación que contribuíron ao éxito deste proxecto e conforman a comunidade galega do Software Libre. 

O proxecto da DXPSI orienta a súa actividade en catro direccións principais: conseguir desenvolver unha industria local de software competitiva, aumentar a produtividade das PEME a través de tecnoloxías innovadoras, adaptables e gratuítas, introducir as TIC nos centros de ensino e conseguir un importante aforro nos custes tecnolóxicos da administración garantindo ademais a independencia tecnolóxica e o consumo responsable por parte do sector público.

Mancomun.org publicou no seu portal máis de 900 noticias converténdose nun punto de encontro da comunidade do Software Libre en todo o estado. Tendeu tamén pontes de colaboración coas tres universidades para o desenvolvemento de software de mellora da accesibilidade e de xestión da PEME e cos colectivos de promoción do GNU/Linux para organizar uns 40 actos ata o final do ano. Mancomun.org ofrece asesoramento a todo tipo de iniciativas sociais, educativas e empresariais que empreguen Software Libre. A Forxa, respositorio para os proxectos libres galegos, forma tamén parte da iniciativa.

Software en galego

Mancomun.org tivo tamén unha actividade importante na adaptación de software ao galego. Por unha banda coordinuouse a localización de toda unha serie de produtos que permiten dispoñer dun computador totalmente libre e en galego incluíndo o escritorio Gnome, o conxunto de aplicacións ofimáticas OpenOffice.org (á que tiveron acceso unhas 45.000 persoas a través do portal ou dos CD repartidos pola DXPSI), o navegador web Firefox, o xestor de correo Thunderbird ou o programa de mensaxería instantánea Pidgin.

Por outra traballouse para a consolidación dunha comunidade tradutora que dinamizase a localización de software a través da ferramenta Entrans conseguindo grandes resultados como a tradución do interface do OpenOffice.org 2.2, o Firefox 2.0 ou unha serie de aplicacións educativas como Gcompris ou o Freemind. Co obxectivo de consolidar o Software Libre en galego na educación repartíronse 1.500 OpenOffice.org por todos os centros educativos de ensino non universitario e impartíronse cursos a docentes sobre o Entrans e o Software Libre.

A PEME é outro dos obxectivos estratéxicos de Mancomun.org. Actualmente trabállase en proporcionar ás empresas ferramentas informáticas en galego (ERP, programas de contabilidade, TPV…) que aumenten a súa produtividade sen supoñer un gran custe.

A Iniciativa Galega polo Software Libre encaixan tanto no Pacto de Goberno da Xunta de Galicia como o Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) que recollen a necesidade de que a administración se axeite aos estándares abertos e de promover o código aberto entre os cidadáns.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal