- O 12 de xuño na Cidade da Cultura expertos e empresas con presenza internacional presentarán o software libre aos sectores industriais desde unha perspectiva de modelos de negocio e dirección de empresas
- A asistencia é de balde previa inscrición previa na web de Agasol http://www.agasol.gal/eventos/
- Esta iniciativa enmárcanse no convenio asinado recentemente entre Axencia para a Modernización Tecnolóxica e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, AGASOL
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) celebrarán o vindeiro día 12 de xuño unha xornada de difusión dos modelos de negocio do software libre que leva por título (r)evoLuƧión.
Esta xornada ofrece un punto de encontro de experiencias inspiradoras para profesionais do eido tecnolóxico e para todas aquelas persoas interesadas en tecnoloxías de código aberto en calquera sector da sociedade.
O obxectivo é profundar e estudar os diferentes aspectos das tecnoloxías libres desde diferentes perspectivas, os modelos de negocio que as sustentan, a lexislación actual que permite a súa explotación de maneira regulada, a visión desde a dirección das empresas e da importancia que ten o agrupamento do tecido empresarial.
A xornada vai dirixida a directivos de empresa, profesionais das tic, emprendedores, empresas tecnolóxicas, profesionais doutras disciplinas, estudantes, e, en xeral, calquera persoa con interese no software libre. Nela poderán coñecer experiencias, novidades e solucións en código aberto, sacar proveito dun espazo de networking e contactos entre profesionais de diferentes disciplinas, así como servir de inspiración para aquelas persoas que queiran descubrir novas formas de emprender e/ou desenvolver novos produtos ou servizos con base no software libre.
Programa
Contarase coa presenza de coñecidos relatores como Juan Freire (@jfreire), experto en estratexia e liderado para organización abertas orientadas á innovación continua, ou Javier de la Cueva (@jdelacueva), avogado experto en propiedade intelectual e nas Tecnoloxías da Información e da Comunicación.
Ademais, participarán empresas con presenza internacional que empregan software libre como Paco y Lola (http://www.pacolola.com/) e OpenROV (http://www.openrov.com/), así como provedores de servizos TIC como Icarto (http://icarto.es/), Anubia (http://www.anubia.es/es) e Igalia (http://www.igalia.com/) que achegarán as súas experiencias e coñecemento nos modelos de negocio co software libre.
A asistencia a esta xornada é de balde sendo preciso realizar inscrición previa a efectos de control de aforo. (http://www.agasol.gal/eventos/)
A axenda da xornada é a seguinte:
- 9:30 – Presentación institucional
- 9:45 – Por que o open source é estratexico para os negocios. Mar Castro (Igalia)
- 10:30 – Tecnoloxías libres e viño: o caso de bodegas Paco y Lola. Carlos Carrión.
- 11:15 – Negocio con datos: onde están os límites. Javier de la Cueva
- 12:00 – pausa-café
- 12:30 – Tecnoloxías abertas debaixo do mar: openrov. Francisco Javier Sánchez
- 13:15 – 14:00 Un caso para as escolas de negocio: modelo Igalia. Xavier Castaño
- 16:00 – Software libre galego polo mundo: Icarto. Antón Amado
- 16:45 – Partners tecnolóxicos, unha solución para o desenvolvemento de negocios: Anubia. Wilfredo santana
- 17:15 pausa-café
- 17:45 Sesión final: colaboración para o futuro. Juan freire
- 18:30 Peche da xornada
Esta iniciativa enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Amtega e Agasol para a realización de actividades de fomento do software libre en Galicia que forman parte do Plan de Acción en Software Libre 2015.
Fonte: Amtega
