A Asociación GHANDALF fai unha convocatoria aberta para a concesión de dúas Bolsas a estudantes universitarios de disciplinas técnicas relacionadas co Software (Enxeñería Informática, Telecomunicacións, Industriais e relacionados) para que no seu Proxecto Fin de Carreira (PFC) desenvolvan sistemas/aplicativos en software libre e/ou aporte valor técnico ao ecosistema FLOSS.
A concesión da bolsa inclúe:
- por unha banda o apoio e titorización por parte dos membros de Ghandalf para axudar a resolver as dúbidas respecto do software libre en xeral, da forma de traballo en comunidade, licenciamento, propiedade intelectual, uso de ferramentas habituais no desenvolvemento dun proxecto libre … Este acompañamento ou titorización poderá ser presencial, en función da dispoñibilidade tanto do bolseiro como do titor, e en remoto.
- Por outra banda, a maiores deste asesoramento e titorización a bolsa tamén inclúe unha pequena achega económica, a modo de incentivo, de 200€.
O prazo para a presentación de proxectos para a obtención da bolsa remata o vindeiro día 15 de xuño (inclusive).
Todos aqueles que vaiades presentar o PFC durante o ano 2010 e cumprades os requisitos só tedes que enviar a vosa candidatura a secretaria @ ghandalf . com. As bases completas da convocatoria así como o procedemento para concorrer na mesma están dispoñibles na web da asociación.
Dado que a concesión desta bolsa implica o desenvolvemento dun proxecto en software libre, os beneficiarios estarán en disposición de presentarse tamén ao Premio ao mellor proxecto de fin de carreira organizado por Igalia.
Esta actividade enmárcase dentro das actividades planificadas ao abeiro do convenio de colaboración entre as Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre e a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e integradas no Plan de Acción FLOSS para o ano 2010 da Xunta de Galicia.
Fonte: Ghandalf
