A Axencia Espacial Europea (ESA) quere construír un repositorio para o desenvolvemento e hosting de aplicativos de código aberto, incluíndo tanto aplicativos de voo, aplicativos de base e ferramentas de enxeñería.
A organización publicou o pasado 11 de novembro unha convocatoria de licitación para comezar o desenvolvemento do repositorio. A ESA quere determinar os requirimentos, a arquitectura e a implementación dun repositorio de software espacial de código aberto. Segundo as palabras de Juan Miró, xefe da división de sistemas de software da ESA, "Queremos orientar a industria espacial europea cara os aplicativos de código aberto dispoñíbeis para o ámbito do espazo". "Isto debería axudarlles a unir esforzos colectivamente e guialos na xestión das licenzas e os esquemas de licenciamento."
Miró foi un dos organizadores do workshop da ESA sobre software de código aberto celebrado no Centro Tecnolóxico de Investigación Espacial Europeo en Noordwijk, Países Baixos, o pasado xoves. Cerca de 80 científicos espaciais, enxeñeiros especializados en control de tráfico aéreo e representantes das empresas desnvolvedoras de software para a industria espacial europea, presentaron os seus proxectos abertos en curso e discutiron as posibilidades e inconvenientes deste tipo de software.
Miró di que o aumento do uso do código aberto require un gran esforzo de comunicación e explicación. "En calquera gran organización, é difícil que todos sexan conscientes da nova situación. O uso de fontes abertas non ten implicacións nas capacidades técnicas, senón que tamén hai que ser conscientes das licenzas involucradas e os efectos que poderían ter sobre os dereitos de propiedade intelectual".
Por outra banda, Fabio Mazzanglia, director do departamento de compras aclarou que “en contra dos rumores, a ESA non vai tomar o software de fontes abertas como o predefinido para as nosas adquisicións”. Suxire que a ESA xunto cos desenvolvedores de software comercial estuden as posibilidades de combinar aplicativos de código aberto con outros privativos. “Se é necesario, podería considerarse o emprego dunha licenza que restrinxa o uso aos estados membros da UE ou investigar as posibilidades de publicar proxectos empregando unha licenza dual que lle dea mais opcións aos vendedores de software comercial”
Fonte: OSOR
