Mancomún

A boa saúde do Software Libre queda patente nas Primeiras Xornadas de Software Libre de Eganet

Venres, 20 Outubro 2006

Onte celebrouse ao aveiro das primeiras Xornadas de Software Libre de Eganet unha charla-coloquio que tentou facerlle chegar ás empresas TIC o estado actual das tecnoloxías de estándares abertos.

 

Xornadas Eganet

 

Pere Martínez, de Novell , defendeu que o Software Libre non é máis ca un produto de gran calidade cunha serie de vantaxes engadidas e falou da súa experiencia con produtos coma Linkat , unha distribución baseada en Suse para os centros educativos de Cataluña.

Álvaro del Castillo, Coordinador de Proxectos Europeos do grupo de investigación GSyC/LibreSoft da Universidade Rey Juan Carlos , salientou o cambio que houbo na comunidade que cada vez ten unha maior implicación social. Afirmou ademais que a Unión Europea, dada a vantaxe competitiva do noso continente respecto a Estados Unidos no desenvolvemento do Software Libre, apostaba por esta tecnoloxía e andaba á procura de sistemas de certificación de calidade para que gañen en fiabilidade de cara aos clientes.

Juantomás García, presidente de Hispalinux , cualificou o movemento do Software Libre coma algo imparable e amosouse convencido de que o software propietario está sumido nunha grave crise. Defendeu ademais que este tipo de tecnoloxía ten o mellor modelo de negocio pola súa sinxeleza, rendibilidade e capacidade de innovación.

Pola súa banda Antonio Pérez Casas, asesor da Consellería de Innovación, expuxo os diferentes proxectos da Xunta a prol das tecnoloxías abertas coma a iniciativa Mancomun.org ou o acordo coa Universidade da Coruña para desenvolver unha forxa de proxectos libres. O moderador foi Javi Vázquez, desenvolvedor de negocio de Igalia e secretario de Eganet.

As xornadas continúan hoxe cun taller de introdución á instalación e administración de servidores con sistemas GNU/Linux, utilizando a distribución Debian GNU/Linux e impartido por Daniel Couso da empresa Tegnix .

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal