Os concellos da área metropolitana de Vigo, e mais Ferrol, Sanxenxo e Marín implantaron o sistema de código aberto Cividas, desenvolvido pola empresa galega Imatia, nacida da Universidade de Vigo. Tamén fan uso deste sistema a Deputación de Pontevedra e a Junta de Castilla y León.
A lei obriga a implantar en 2010 definitivamente a administración electrónica local e a que desapareza o papel dos concellos. Imatia encargouse de que 15 concellos galegos estean preparados, mediante o sistema Cividas.
Grazas a este sistema será posíbel que a cidadanía consulte os seus expedientes ou que achegue documentación desde a súa casa sen necesidade de achegarse ás oficinas do Concello. Ademais, permite tamén axilizar a xestión interna xa que o funcionariado poderá comprobar en todo momento a fase en que se encontra cada proceso e informar debidamente o cidadán.
O sistema tivo a súa orixe nun proxecto desenvolvido en 2005 no concello vigués. Segundo explicou Fernando Vázquez, director xeral de Imatia e profesor da Universidade de Vigo, "as facturas pasáronse de cobrar en seis meses ou nun ano a 60 días". A Comisión Europea e a Lei de acceso electrónico de 2007 espertaron o interese dos concellos, o que propiciou a saída ao mercado de Cividas.
A pesar de que o seu manexo é sinxelo, será preciso poñer en marcha cursos de formación do funcionariado, aínda que a resposta está a ser positiva. Pero o verdadeiro reto será que os concellos lle transmitan as novidades e as vantaxes do sistema á cidadanía.
Fonte: Código Cero
