Mancomún

A OSL da USC acolle o primeiro plan piloto de migración a software libre na universidade compostelá

Xoves, 26 Febreiro 2009
O sistema operativo empregado, Ubuntu USC rc1.0 "Troia", está baseado no metapaquete AraOS, desenvolvido por Mancomún

OSLUSCAchegar a usabilidade e todas as vantaxes do software de fontes abertas ao estudantado da universidade compostelá é o obxectivo do primeiro plan piloto de migración a software libre que a Oficina de Software Libre da USC (OSLUSC) acaba de poñer en marcha na Facultade de Ciencias da Educación. O proxecto, que constitúe un primeiro paso dentro dunha estratexia máis ambiciosa de introdución dos aplicativos libres no ámbito docente da USC, iniciouse o pasado mércores día 18 coa configuración cun sistema operativo de código aberto de 25 novos equipos informáticos do centro.

Con este propósito o persoal técnico da OSLUSC estivo a desenvolver nos últimos meses unha personalización da distribución Ubuntu, denominada Ubuntu USC rc1.0 “Troia”, e que foi instalada en cada un dos computadores seleccionados para o proxecto.

Esta nova personalización da popular distro de Linux está baseada no AraOS, o metapaquete que define un paradigma funcional de escritorio ofimático multimedia en galego, desenvolvido por Mancomún e promovido dende a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.

O desenvolvemento da Ubuntu USC rc1.0 “Troia” e a súa implantación na Facultade de Ciencias da Educación é a etapa inicial dun plan de avaliación das necesidades para a migración a software libre do parque informático da USC.

Segundo fontes da propia oficina “o propósito último do plan é deseñar un conxunto de aplicativos e configuracións básicas que poidan formar un sistema operativo base para a universidade e sobre o que se poidan construír versións personalizadas para cada facultade ou titulación, incluíndo o software específico que estas requiran”. Deste xeito, o sistema permitiría aos centros proporcionar a cada alumno unha suite completa das ferramentas informáticas requiridas para os seus estudos, ao tempo que dotaría ao persoal técnico dos recursos suficientes para optimizar as tarefas de administración e control do estudantado.

Para garantir o correcto funcionamento do software instalado e avaliar a súa evolución e boa acollida entre as persoas usuarias, o proxecto contempla o compromiso da OSLUSC para a prestación de apoio técnico continuado. Ademais de contemplar a organización dunha serie de cursos de formación destinados ao profesorado e ao persoal técnico da USC.

O plan piloto desenvólvese na súa primeira etapa na Facultade de Ciencias da Educación por ser, en palabras dos promotores, “o centro de formación dos futuros docentes” e , consecuentemente as persoas capaces de “xerar unha base de coñecementos que se estenderán ao resto do país nos anos vindeiros”.

Todas estas medidas reverterán regularmente nun informe de conclusións e de análises que permitirán mellorar a calidade do produto e corrixir os problemas que se presenten.

A versión 1.0 da Ubuntu USC será liberada ao público nos próximos meses, logo do proceso de estabilización.

Un metapaquete para a galeguización de todos os contornos de escritorio do noso país

Coa creación da Ubuntu USC rc1.0 “Troia”, o AraOS continúa a incrementar o listado de produtos derivados deste metapaquete, sumándose as personalizacións que xa se realizaran para as dúas oficinas da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información: a da Rede de Dinamización da Sociedade da Información e a da Oficina Técnica do PEGSI.

Estas son as adaptacións coñecidas pero poderían existir moitas máis, posto que calquera persoa desenvolvedora pode acceder á descarga do AraOS e á súa personalización, seguindo as indicacións achegadas por Mancomún. O metapaquete fornece dous paquetes cos que enlaza – paquete araos-g11n, para a galeguización de Ubuntu, e araos-desktop, para a instalación dos elementos gráficos.

O AraOS defínese como a mellor solución para a sinxela personalización da imaxe gráfica do sistema operativo (logos, iconas, splash…) ou para a integración de aplicativos específicos en sectores concretos como a hostalería, micropemes, comercios, educación, sanidade ou aulas informáticas. Tal e como demostra a adaptación creada pola USC.

A actualización do metapaquete AraOS foi liberada recentemente por Mancomún.

Fonte: Oficina de Software Libre da USC

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal