Mancomún

GTD-Free, Tracs, ThinkingRock, programas para aplicar o método GTD

Venres, 27 Febreiro 2009

GTD®, ou “Getting Things Done ®” é un método de organización persoal baseado nun libro co mesmo nome e escrito por David Allen. Os principios do método GTD pódense consultar na Wikipedia, pero simplificando, o método axuda a facer as cousas en lugar de pensar no que teriamos que estar facendo nese mesmo intre.

GTD-Free é un programa feito en Java e con licenza GPL que permite aplicar o método GTD na xestión diaria das tarefas, de maneira que se consegue unha mellora na produtividade. O programa organízase en cinco separadores: visión xeral, compilar, procesar, organizar/revisar e executar, que permitirán guiar o usuario polo fluxo de traballo. O programa posibilita tamén a instalación nunha chave USB ocupando moi pouco espazo, e desta maneira poder levar a aplicación sempre connosco.

Tracks, ao igual que GTD-Free tamén é un software con licenza GPL que permite aplicar o método GTD. Unha das diferenzas principais con GTD-Free é que Tracks é un aplicativo web desenvolvido en Ruby on Rails que permite a execución do aplicativo desde calquera computador con conexión á Internet. Ademais o seu aspecto minimalista e o seu uso intuitivo facilita enormemente o traballo.

ThinkingRock tamén é outra ferramenta en Java para GTD. A súa pantalla principal ten descrito o fluxo de traballo do sistema GTD, e premendo en cada unha das súas 4 partes: configuración, colección, procesamento e acción (organizar, revisar, facer) iremos á pantalla principal de cada unha delas…

Máis información na páxina oficial de cada proxecto:
GTD-Free
Tracks
ThinkingRock

“Getting Things Done” e “GTD” son marcas rexistradas de David Allen & Co. e úsanse só con fins informativos. A definición orixinal de GTD de David Allen encóntrase dispoñíbel na súa páxina web.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal