Mancomún

A OSL da USC impartiu un curso sobre iTALC, ferramenta libre de xestión de aula

Venres, 27 Febreiro 2009

OSLUSCO pasado xoves 19 de febreiro, a Oficina de Software Libre da USC impartiu o curso “iTALC, ferramenta libre de xestión de aula” na Facultade de Ciencias de Educación do Campus Sur, cunha asistencia de 15 persoas que case encheu o aforo máximo ofertado para o curso.

Este curso enmárcase dentro do servizo de formación que lles está a ofrecer a oficina de SwL aos distintos colectivos que forman parte da comunidade universitaria (PAS, PDI e alumnos) a través dos mecanismos que a propia institución posúe. En concreto este curso foille ofrecido ao persoal docente e investigador a través do Instituto de Ciencias da Educación por medio do Plan de Formación e Innovación Docente.

O curso levouse a cabo na Aula 16 da Facultade de Ciencias da Educación onde terá lugar tamén o Primeiro Plan Piloto de implantación de GNU/Linux na USC do que xa demos conta onte.

O iTALC é unha ferramenta de control de aula libre e multiplataforma que lles permite aos docentes controlar en todo momento o que está a facer o alumnado, tomar o control dos seus equipos ou amosarlles o que está a facer el mesmo ou algún dos compañeiros de clase. Tamén permite recoller ficheiros do disco duro dos estudantes así como controlar o inicio e o fin das sesións ou o acendido e apagado dos equipos se se configura axeitadamente para tal fin.

A Oficina de Software Libre desenvolveu un traballo de estudo da ferramenta, tradución ao galego e de configuración para a aula en cuestión. No futuro seguirá a afondar na integración desta ferramenta coa súa  nova distribución Ubuntu USC rc1.0 “Troia”, de xeito que se poida despregar masivamente en tódalas aulas que o requiran.

Os profesores acolleron tanto o novo sistema operativo coma o iTALC con interese e curiosidade, e non tardaron en ver as vantaxes mais inmediatas que o sistema de control de aula lles proporciona. Ao final do curso amosaron interese pola posibilidade de afondar na formación desta ferramenta e doutras iniciativas que a OSL vaia desenvolver.

Fonte: OSL da USC

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal