Mancomún

A OSL do CIXUG achegará os seus servizos á Escola Politécnica de Lugo

Luns, 7 Outubro 2013

Cartel da xornada da OSL na EPS de LugoMañá martes 8 de outubro, a oficina móbil da OSL estará presente na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo para achegar aos estudantes do campus universitario de Lugo os servizos que lles ofrece esta oficina, así como as vantaxes do Software Libre, as posibilidades deste tipo de solucións para a incorporación ao mundo laboral así como o Premio ao mellor proxecto de Fin de Carreira (ou fin de grao) en Software Libre.

Dentro das súas actividades de difusión e promoción do software libre dentro do ámbito universitario, a OSL trasládase desta volta ata as instalacións da Escola Politécnica, en horario de 10 a 14. As persoas interesadas en contactar co persoal da OSL poderá localizar o punto informativo na Ampliación da Escola, situada ao carón da cafetería.

Paralelamente, de 11 a 12 da mañá, terá lugar no Salón de actos da Escola, unha charla para dar a coñecer de primeira man a realidade das empresas privadas que traballan con software libre.
Nesta charla ademais da presentación da Oficina de software libre a cargo de Rafael R. Gaioso, coordinador da mema, contarán coa presenza e colaboración de Francisco González, xerente de Pexego, e Luís Alberto Fernández, xerente de AGASOL.

Os asistentes poderán escoitar de primeira man as experiencias de profesionais do sector das tecnoloxías libres, e terán a oportunidade de resolver todas aquelas dúbidas que poidan ter acerca de como traballar profesionalmente nunha empresa do sector do software libre.

A OSL tamén aproveitará para presentar de primeira man aos estudantes deste campus o Premio ao mellor proxecto fin de carreira con licenza libre convocado pola AMTEGA e organizado pola OSL.

Lembrar que o prazo de presentación de candidaturas para a edición do ano 2013remata o próximo 31 de outubro.

Esta xornada forma parte das actividades que a OSL do CIXUG realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluída no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal