Hoxe comezou o segundo dos obradoiros de achegamento das TIC en Software Libre aos centros penitenciarios no Centro de Inserción Social (CIS) “Carmen Avendaño” de Vigo.
A Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MELISA) está a prestar dende o mes de Xullo a súa colaboración á iniciativa “Tecnoloxía e software libre en centros penitenciarios galegos” do Programa Voluntariado Dixital. Esta actividade forma parte das actividades que esta asociación desenvolve ao abeiro do convenio de colaboración para o fomento do software libre asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.
Tras arrancar en xullo no Centro Penitenciario de Monterrroso, o programa continúa agora no Centro de Inserción Social (CIS) “Carmen Avendaño” de Vigo, no que cinco internos recibirán formación en TIC e software libre. O obxectivo desta iniciativa é promover a inserción laboral dos asistentes, ofrecéndolles formación eminentemente e práctica no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación TIC e do software libre. As sesións formativas deste segundo taller desenvolveranse entre o 7 e o 17 de outubro na aula CeMIT de Chapela-Redondela.
O proxecto, “Tecnoloxía e software libre en centros penitenciarios galegos”, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia dentro do Programa de Voluntariado Dixital, ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías e o software libre a 70 reclusos dos sete centros penitenciarios existentes en Galicia para favorecer a inserción laboral dos internos a través das TIC.
Para poder acadar os niveis de calidade desexados, seleccionase un número reducido de presos en cada centro de acordo coa súa formación, intereses, preparación e aptitudes, e en colaboración coa dirección de cada centro. Con eles, formúlase un grupo de traballo intensivo, con atención personalizada e conexión permanente na práctica co equipo de formación.
O Centro de Inserción Social (CIS) de Vigo Carmen Avendaño
O Centro de Inserción Social (CIS) de Vigo, inaugurado no ano 2006, está destinado a internos de réxime aberto. Conta con 67 habitacións, unha delas para discapacitados físicos, cociña, comedor, lavandería e zona deportiva.
Este CIS leva o nome de Carmen Avendaño Otero, en recoñecemento ao traballo desenvolvido durante anos en favor da reinserción e do tratamento social dos drogodependentes, fundamentalmente desde a asociación Érguete.
A Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide
Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide, MELISA, constitúese formalmente a finais do ano 2008, como resultado das inquedanzas de varios veciños de Melide, amantes da cultura libre e da tecnoloxía en xeral, e están a desenvolver múltiples actividades de difusión e promoción do software libre, alcanzando diferentes sectores sociais; educativo, empresarial, administración, etc.
MELISA é unha asociación adherida ao Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia, e presta apoios dixitais en cinco actividades de fomento do software libre en Galicia. Ademais, está asociación tamén colabora do Plan de acción en materia de software libre da Xunta de Galicia e asinou un acordo coa Amtega para a difusión do software libre en Galicia no que se inclúe esta actuación nos centros penitenciarios galegos.
Fonte: AMTEGA
