A Rede de Dinamización da Sociedade da Información fai esta mañá entrega en Cambados dos galardóns correspondentes ao II Concurso de Iniciativas da Rede de Dinamización. Estes premios, que teñen como obxectivo promover tanto o uso do galego como o das Tecnoloxías da Información e da Comunicación entre os diferentes sectores da poboación en xeral, adicarán especial atención, como xa sucedera na pasada edición, ao eido do software libre.
Nesta ocasión a iniciativa vencedora, pertencente ao ámbito das tecnoloxías abertas, foi “II Xornadas de Software Libre: Software Libre e Asociacións”. Esta celebrouse o 5 de maio na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rei, no Grove, e nela abordáronse aspectos como o software libre e as asociacións, ferramentas de software libre: Mozilla Firefox, Thunderbird, GRUVI (cesión de equipos obsoletos da Universidade de Vigo a entidades sociais totalmente equipados en software libre), virtualización de Linux sobre Windows e mitos sobre Linux. Tamén se presentou a proposta da creación dun Portal Web para as asociacións da comarca (por parte da Sociedade Comarcal). A xornada foi levada a cabo por Ana María Rosales García, dinamizadora no Concello do Grove, Ana Lorenzo Rivas, dinamizadora no Concello de Sanxenxo, Alberto Fandiño Mariño e Eliana Bouzas Collazo, dinamizadores no Centro Comarcal do Salnés.
O evento, que terá lugar ás 13 horas no Centro Comarcal do Salnés, contará coa presencia de Montserrat Prado Cores, delegada da Consellería de Innovación e Industria en Pontevedra, e Emilio Manuel Martínez Rivas, xerente da Sociedade de Desenvolvemento Comarcal. Tamén estarán presentes Victoria Canoura, concelleira de Novas Tecnoloxías no Grove, e un/unha representante do Concello de Sanxenxo. Neste acto entregaranse os premios ao persoal dinamizador responsábel, así como aos participantes nas xornadas.
Fonte: Rede de Dinamización
