Sete meses despois da última versión, acaban de saír as novas especificacións do estándar aberto OpenGL 3.1, que definen as API (Interface de Programación de Aplicativos) para gráficos 2D/3D no desenvolvemento de aplicativos.
A nova versión do estándar, que compite en Windows con Direct3D para o desenvolvemento de videoxogos, simplifica radicalmente a API para lograr un desenvolvemento máis sinxelo e eficiente, proporcionando un mellor acceso á última xeración de hardware gráfico, grazas a funcionalidades como o sombreado GLSL, unha maior eficacia no procesamento de vértices ou a ampliación das unidades de texturas.
OpenGL 3.1 é compatíbel con calquera tarxeta gráfica ou aplicativo que sexa compatíbel coa anterior versión. Espérase que tanto AMD, como NVIDIA -ambos membros do consorcio industrial Khronos, responsábel das especificacións do estándar- liberen proximamente controladores que sexan compatíbeis coa nova versión, que debe simplificar o desenvolvemento e mellorar a execución de aplicacións e sobre todo videoxogos baixo as súas API…
En palabras do director de OpenGL, en AMD, “os vindeiros drivers de AMD para as familias de tarxetas gráficas Radeon e FirePro serán compatíbeis totalmente coa versión 3.1 de OpenGL e a súa API”. Mentras, o vicepresidente de mercadotecnia de NVIDIA dixo que “NVIDIA fornecerá unha primeira versión beta de controladores no mesmo día que saia a especificación e comprométese a adoptar rapidamente o estándar OpenGL 3.1”
