O Máster deu a coñecer hoxe as novidades que introducirá a súa terceira edición
Cinco grupos galegos de usuarios de software libre: GHANDALF, GLUG, Agnix, Ousli e GALPon, e a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) promoverán a inscrición na terceira edición do Máster en Software Libre tras o acordo estabelecido con Igalia para convertérense en colectivos con desconto. Segundo isto, os membros destas asociacións terán dereito a un 20% de desconto na matrícula do curso.
Con esta iniciativa, e atendendo aos seus principios de promoción do software libre, estas seis agrupacións -ás que os organizadores esperan que se sumen outras- pretenden potenciar a formación de profesionais cualificados no eido do SwL co fin de consolidar unha comunidade galega forte e estábel, na que convivan os tres piares fundamentais: voluntariado, empresariado e Administración.
Esta medida deuse a coñecer hoxe xunto coa publicación do resto de información relativa ao curso 2009/2010 do Máster de Software Libre, que organiza a empresa Igalia en colaboración coa Universidad Rey Juan Carlos. Entre as novidades introducidas con respecto á edición anterior destacan, ademais da política de descontos aos colectivos, os criterios de descontos por matriculación en xullo (10%) ou aos dous mellores expedientes (30%), entre outras consideracións.
O Máster de Software Libre preséntase como unha ferramenta que pretende suplir a elevada demanda de profesionais especializados en software libre dentro do sector TIC. O programa artéllase en cinco módulos : Introdución ao software libre; Integración e administración de sistemas con SwL; Desenvolvemento en contornos web con SwL; Desenvolvemento en contornos desktop/mobile con SwL; e Estudo de comunidades de SwL. Estes, desenvolveranse en sesións de venres de tarde e sábado de mañá a partir do mes de outubro na cidade da Coruña.
Para realizar a solicitude de inscrición ao Máster de Software Libre, os candidatos deberán cubrir o formulario do web do Máster. O prazo de entrega da documentación finaliza o 31 de xullo de 2009. Posteriormente, terá lugar un proceso de selección cunha entrevista persoal, despois da cal os seleccionados poderán concluír o proceso de matriculación ata o 31 de agosto. O Máster ten un custo total de 7000 € por alumno.
