No recente Gran Canaria Desktop Summit, celebrado na illa de Gran Canaria e no cal se deron cita milleiros de desenvolvedores de GNOME e KDE, anunciouse a creación da iniciativa Open-PC. O fin desta iniciativa non é outro que producir un computador persoal baseado en software libre, cunha configuración completamente compatíbel asistida por controladores libres e cun conxunto de aplicativos ben probado nel.
Este proxecto defínese como un proxecto da comunidade e para a comunidade, polo cal os responsábeis de Open-PC teñen a disposición de quen queira dar a súa opinión unha enquisa anónima no seu sitio web, que consta de oito preguntas, coas que se intenta compilar información sobre as preferencias das potenciais persoas usuarias. Preguntas que van desde que contorno gráfico de escritorio se prefire como predeterminado, ata o tamaño do disco.
Agárdase que este computador teña un prezo moi competitivo, xa que se estima que o prezo final das primeiras unidades estea entre os 300 US$ (uns 215 euros) e os 400 US$(uns 286 euros), e está programada, segundo a páxina web do proxecto, a súa dispoñibilidade a partir deste outono.
