Hoxe comeza un curso de formación, de carácter gratuíto, sobre Navalplan dirixido fundamentalmente a empresas TIC galegas.
Como xa informamos o pasado mes durante a súa presentación, NavalPlan é unha ferramenta de planificación para usuarios baseada nos seguintes conceptos: visión xeral de empresa e multi-proxecto, asignación de criterios, etiquetado de tarefas, xestión de recursos, asignación de recursos (específica e xenérica), control de carga da empresa, integración externa, etc.
Trátase dunha ferramenta web de planificación especialmente útil para calquera tipo de empresas cun fluxo de traballo que requira a xestión, planificación e control de proxectos e pedidos.
O programa do curso de desenvolvemento sobre NavalPlan percorrerá os seguintes aspectos:
- Introdución a Navalplan
- Arquitectura de NavalPlan
- Desenvolvemento dun caso de uso sobre NavalPlan
- Integración con aplicacións externas
- Instalación e despregue de NavalPlan
Agrupados en 3 módulos, que tratan de resolver obxectivos diferentes:
- Módulo de usuario:
- Capacitar asistentes no uso da ferramenta de planificación NavalPlan.
- Coñecer NavalPlan dende un punto de vista teórico e os conceptos básicos para a realización de planificacións.
- Adquirir as habilidades necesarias para realizar planificacións en NavalPlan a partir da formación no manexo práctico da ferramenta.
- Módulo de desenvolvemento:
- Instalar e despregar NavalPlan
- Coñecer a arquitectura de NavalPlan
- Ser capaces de desenvolver un sinxelo caso de uso sobre a arquitectura formulada.
- Módulo de personalización e integración:
- Posibilitar a elaboración de novos informes en NavalPlan.
- Entender o sistema de integración de NavalPlan con outras ferramentas.
Asistentes
Os asistentes ao curso serán persoas de carácter técnico con experiencia no desenvolvemento de aplicacións, idealmente, con certa experiencia en desenvolvementos Java. Non obstante, a asistencia exclusiva ao módulo de usuario é ideal para persoas con coñecementos en xestión de proxectos e a necesidade de planificar proxectos e recursos.
O curso impartirase en horario de 9 a 15 horas os días 29, 30 e 31 de marzo e 1 e 4 de abril, na Escola Galega de Administración Pública.
Esta actividade forma parte das actividades a desenvolver por AGASOL ao abeiro do Convenio de Colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia incluído dentro do Plan de Acción FLOSS 2011.
