O pasado sábado 1 de agosto, como xa deramos conta en Mancomún, celebrouse na cervexaría A Fundación, de Melide, a primeira xornada do Obradoiro de Joomla, que organiza a asociación de usuarios de software libre Melisa. Este obradoiro está a ser dirixido polo presidente da asociación, Rafael Rodríguez Gayoso, enxeñeiro superior en informática.
Este sábado participaron no obradoiro un total de dez persoas, que comezaron a descubrir as múltiples posibilidades que ofrece o xestor de contidos Joomla, un dos referentes dos software libre no eido da administración web. Os asistentes do obradoiro aprenderon entre outras cousas a xestionar usuarios dun portal e a adaptar o portal ao galego. O que máis interese espertou entre os asistentes foron conceptos como servidor web, base de datos, ou separación entre contido e deseño.
A asociación Melisa fixo balance desta primeira xornada, concluíndo que esta xornada foi un éxito, tanto na participación como no interese dos participantes.
A próxima xornada deste obradoiro celebrarase o vindeiro 8 de agosto no mesmo lugar, no cíber da cervexaría A Fundación, de 10:00 a 14:00 horas. Na que se continuará facendo prácticas coa administración dun portal web e na que, segundo salienta a asociación, empregarase un contorno totalmente libre, xa que se está usando para o obradoiro o sistema operativo GNU/Linux.
