Mancomún

O proxecto Opencast no que participa a UVIGO recibe unha inxección económica de 1,5 millóns de dólares

Luns, 3 Agosto 2009
Uvigo

Visto no “Diario da Universidade de Vigo”:

“Tras converterse na primeira universidade de fala hispana en ofrecer contidos na plataforma iTunes U, a institución académica viguesa volve estar de en hora boa ao dar un paso adiante na posta en marcha do proxecto, de impulso ás novas tecnoloxías na docencia, Opencast Matterhorn. Vigo, xunto con outras doce universidades internacionais, beneficiarase dun financiamento de 1,5 millóns de dólares, do cal recibirá un 5%, achegado polas fundacións Mellon e Hewlett.

Trátase dun novo sistema que pretende posibilitar o tratamento completo de contidos audiovisuais na docencia universitaria, “unha tarefa que a Universidade xa leva desenvolvendo co software libre Pumukit, unha ferramenta importante e un dos motivos polos que nos situamos no máis alto xunto a outras universidades de todo o mundo”, sinala Anxo Sánchez, vicerreitor de Novas Tecnoloxías e Calidade.

A Universidade de Vigo xa ten experiencia suficiente neste campo “e así o amosamos co Pumukit, que está a disposición da comunidade universitaria e está a ser empregado por diversas institucións da Península e Latinoamérica, sendo o sistema máis estendido en países de fala hispana”, sinala Sánchez. Isto permitiu que a Universidade “estea aí entre outras a nivel internacional definindo un estándar de contidos docentes multimedia”, engade.
Ata o de agora desenvolveuse o deseño da arquitectura do sistema e a primeira versión do proxecto en si, é dicir, “a valoración do custo, a petición estruturada das súas funcións, de que xeito se levarían a cabo, cantas persoas van participar na posta en marcha, o tempo empregado, etc”, explica Vicente Goyanes, coordinador de UVigoTv.

“Precisábamos de novos fondos para entrar na fase de desenvolvemento propiamente dita para o cal se fixeron diversas peticións das que agora obtivemos unha resposta positiva”, sinala Goyanes. Trátase dun proxecto “con obxectivos moi ambiciosos”, polo que se repartiron en dúas fases, un primeiro ano, o que agora comeza, “no que se unirán as experiencias de todos os centros, extraendo o mellor de cada un”; e un segundo ano, para o que aínda non se dispón de recursos económicos, “no que se pretenderá dar un paso máis, creando o sistema común ideal, o mellor”, subliña o coordinador de UVigoTv.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal