
O responsábel de desenvolvemento tecnolóxico da empresa, Rob Bredow, explicou que “tradicionalmente no eido da produción dos efectos visuais a idea era ter a vantaxe estratéxica por medio de tecnoloxía patentada”. Sobre o que matizou, “é apropiado para o desenvolvemento deste negocio que isto cambie… a industria está empezando a madurar, os estándares abertos e a capacidade de colaborar entre as empresas é tan importante como calquera outra vantaxe competitiva”.
Imageworks lanzará OSL, unha linguaxe programábel de renderizado; Field3d, unha libraría de vóxel; Maya Reticule, unha extensión de Maya; Scala Migration, unha ferramenta para migrar bases de datos; e Pystring, unha ferramenta para manexar cadeas de caracteres en C++ similar a Python.
A iniciativa baséase na idea de devolver á comunidade o uso que a compañía leva facendo dende hai tempo do código aberto, xa que a maioría do software que empregan para desenvolver os seus proxectos é libre. Por iso porán a disposición de calquera persoa ou empresa parte da súa tecnoloxía.
Mais esta estratexia tamén ten o seu propio obxectivo de rendibilidade. Por un lado, búscase crear comunidade arredor destas ferramentas, de xeito que máis persoas poidan traballar no código e acadar mellores resultados. Por outra parte, ao ser o código de dominio público, a compañía aforrará custos de formación para os seus empregados, podendo contratar artistas autónomos e independentes.
A liberación do código non se producirá ata o seu anuncio oficial na SIGGRAPH en Nova Orleáns, a conferencia internacional de gráficos computacionais, coincidindo cunha charla sobre a libraría de datos vóxel, que terá lugar o vindeiro 6 de agosto. Asemade, Imageworks está xa preparando unha web para a participación da comunidade no desenvolvemento destes proxectos no enderezo http://opensource.imageworks.com.
Fonte: Imageworks
