A ferramenta foi desenvolvida pola empresa Miller Group co propósito de facer fronte ás necesidades máis importantes dos administradores, mestres, persoal de apoio, pais, estudantes e persoal administrativo dos centros educativos. Ademais incorpora compoñentes que non se atopan comunmente nos sistemas de información de estudantes.
Por exemplo, o aplicativo permite buscar estudantes non só polos seus datos persoais, senón tamén polos seus horarios, actividades, cualificacións… Pero quizais o dato máis importante é que, ao estar baseado na web, o sistema está dispoñíbel desde calquera punto con conexión a internet, permitindo aos pais e estudantes -ou calquera outra entidade con competencias no asunto- acceder á información que o centro queira facer pública.
Todas estas funcionalidades poden coñecerse e probarse doadamente mediante a demo que os desenvolvedores teñen publicada na web de Centre SIS. Toda esta documentación, así como o propio aplicativo están só dispoñíbeis en inglés, pero tendo a comunidade que ten detrás, é previsíbel que pronto exista algunha alternativa.
Centre SIS está licenciado baixo a GNU General Public License.
