Piwik, analizador de estatísticas web

Xoves, 30 Xullo 2009
ousliPiwik é un aplicativo de análise de estatísticas web con licenza GPL que che permite obter informes detallados dos visitantes das túas webs: os motores de busca e palabras chave que usaron para chegar á túa web, a lingua que usan no seu navegador, as túas páxinas máis populares e moito máis. Anteriormente, Piwik coñecíase como phpMyVisits.

Piwik funciona con tecnoloxía PHP e MySQL que hai que descargar e instalar no propio servidor web. Unha vez rematada a breve instalación, o aplicativo devolve un pequeno anaco de código en JavaScript para copialo e pegalo nas webs das que se queira facer o seguimento (tamén hai un complemento que integra este código por ti).

Segundo a propia web do proxecto, "Piwik pretende converterse nunha alternativa en software libre ao Google Analytics".

Podes probar unha versión demo en liña dunha instalación de Piwik na seguinte ligazón: http://piwik.org/demo/

Ademais, grazas ao traballo da xente de OUSLI (OUrense Software LIbre) podemos atopar que Piwik está traducido nun 70% ao galego.

A continuación pasamos a detallar algunhas das súas características:
-Características baseadas en plugins o que permite unha rápida des/instalación destas. Para os desenvolvedores, ofrece unha grande facilidade no desenvolvemento de novas características.

-Os datos sempre están no teu servidor, na base de datos de Piwik. Pódese acceder ás estatísticas a través da API aberta de Piwik, que ademais permite a a exportación dos datos en diversos formatos: xml, json, php, csv.

-Interface de usuario altamente personalizábel: podes arrastrar e soltar os elementos gráficos e crear informes personalizados.

-Posibilidade de incrustar os gráficos no teu blog ou sitio web: Visitas dos últimos 30 días, lista de palabras chave, gráficas sectoriais de visitas por países.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal