Chega o soporte de Secure Boot a Tails

Luns, 13 Abril 2020

A distribución Tails (The Amnesic Incognito Live System) ven de anunciar a súa versión 4.5, que ten como novidade estrela a introdución do soporte de Secure Boot, polo que moitas das computadoras con esta característica poderán agora utilizar esta distribución sen necesidade de desactivala.

Outra das novidades importantes que trae esta nova versión, alén das correccións de fallos e erros, é a actualización do navegador de Tor á versión 9.0.9, a rede que permite navegar por internet con privacidade e de forma anónima, e que é un dos compoñentes principais da distribución.

Todos os detalles da nova versión de Tails se poden consultar na nota da versión.

Tails é unha distribución de GNU/Linux baseada en Debian. Está centrada na privacidade e no anonimato e comezou xa hai máis de 10 anos, proporciona un sistema confiable para ser usado por parte de calquera persoa que necesite unha comunicación que teña garantida a privacidade como poden ser certos xornalistas, activistas polos dereitos civís…

Tails é un sistema que non convén instalar nun disco duro dunha computadora, a recomendación é ter o sistema instalado nun dispositivo USB e arrancar sobre el. Se é necesario almacenar e consultar ficheiros de forma permanente, dende o proxecto Tails recomendan crear un volume cifrado, tarefa que se pode realizar mediante usando as ferramentas que pon a disposición o proxecto Tails.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal