Mancomún

CoreBoot lanza FlashROM 0.9

Luns, 11 Maio 2009

CoreBootO proxecto CoreBoot lanzou recentemente FlashROM 0.9. Esta nova versión é quen de ler, borrar , reescribir e verificar os chips flash que almacenan o BIOS do sistema. Dado que FlashROM é unha utilidade multiplataforma, pódese empregar en FreeBSD, Linux, Mac OS e Solaris, que ademais conta cunha característica que a fai destacar sobre a maioría das utilidades similares, xa que permite facer a actualización do BIOS dende a liña de ordes, sen necesidade de reiniciar o PC.

A maioría das utilidades similares ofrecidas polos fabricantes só admiten Windows e DOS, e precisan reiniciar o Pc para poder levar a cabo reescritura do BIOS. FlashROM só precisa ter acceso de superusuario ao sistema e pode executarse remotamente vía SSH.

Outra característica importante coa que conta esta utilidade é ser compatíbel cunha gran cantidade de placas base e conxuntos de circuítos integrados (chipsets). Exactamente 157 familias de chips de flash e 75 chipsets diferentes. Ademais de ser compatíbel cunha ducia de placas base x86 non estándares.
CoreBoot é un proxecto de software libre que se coñecía co nome de LinuxBIOS, respaldado pola Free Software Foundation(FSF), dirixido a reemprazar o firmware non libre dos BIOS propietarios atopados na maioría dos computadores, por un BIOS lixeiro deseñado para realizar soamente o mínimo de tarefas necesarias para cargar e correr un sistema operativo de 32 bits.

A súa existencia non se basea nunha necesidade tecnolóxica, senón nunha ética, xa que para os membros da FSF é importante que todo o software do PC sexa libre, e o BIOS foi o único que quedou esquecido. Os responsábeis de CoreBoot esperan que nos próximos anos algúns fabricantes estean dispostos a distribuílo nas súas máquinas, debido ao seu carácter gratuíto.

Fonte: http://www.comunidadgnu.com.ar/noticias/3937-coreboot-presenta-su-flashrom-09

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal