Mancomún

Dous españois desenvolven un netbook ecolóxico baseado en software libre

Luns, 11 Maio 2009

Placas solaresDous españois lideraron un proxecto internacional que concluíu co desenvolvemento dun computador portátil lixeiro que combina a utilización de software libre co respecto ao medio, grazas ao uso de enerxías renovábeis e á súa construción en plástico biodegradábel.

Ángel Blázquez, empresario do sector informático, e Pablo Machón, membro destacado da comunidade de software libre e presidente da Fundación Coñecemento Libre, son os responsábeis deste "miniordenador", que pesa 700 gramos e que funciona cunha carga baseada en placas solares, as cales permiten prolongar a duración da batería e acadar un funcionamento autónomo.

O computador incorpora un sistema completo de GNU/Linux con máis de 5.000 programas, debido á aposta da empresa fabricante -iUnika- por incorporar o software libre en todos os seus produtos.
Este equipo porase á venda durante o mes de xuño a un prezo que rondará os 130 euros, unha cifra que segundo os seus creadores é a clave para que este tipo de produtos consigan un oco no mercado, xa que "hai outros computadores fabricados en bioplástico pero que custan 10 veces máis, e cunha venda de poucas unidades non conseguen un impacto real".

Por outra banda, a mobilidade do mini-PC conséguese mediante conectividade GSM (Groupe Spécial Mobile), o sistema estándar global para as comunicacións móbiles.

A empresa fabricante aposta polo software libre

"iUnika é o primeiro fabricante de hardware que se comprometeu a empregar exclusivamente software libre en todos os seus produtos", explicou o presidente da Fundación Coñecemento Libre, Pablo Machón. Esta organización está comprometida co uso libre do coñecemento, o software e os estándares.

O equipo de iUnika está ubicado en España, China e Hong Kong, e ten acordos con distribuidores de todo o mundo. Machón explicou que as decisións sobre deseño de materiais e de software tomáronse en España pero que "o desenvolvemento dalgúns materiais como o bioplástico realizouse en China pola eficiencia dos fabricantes".

Fonte: EuropaPress, El Mundo

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal