Mancomún

Cursos de administración avanzada de GNU/Linux e de desenvolvemento en Angular.js no CNTG

Xoves, 26 Novembro 2015

Logo de LPIC2Aberto o prazo de inscrición para dous novos cursos que se impartirán no CNTG a finais de Xaneiro. Trátase do Curso de administración avanzada de sistemas operativos Linux (LPI2) e do Curso de desenvolvemento de aplicacións web con Angular.js. Cada curso contará con dúas edicións cun máximo de 20 alumnos cada unha, polo que cada curso conta cun total de 40 prazas.

A asistencia a estes cursos é totalmente de balde. O prazo de inscrición para ambos cursos estará aberto ata o día 4 de xaneiro de 2016. Logo de Angular.js

Os inscritos a estas accións formativas deberán realizar unha proba previa da que sairán as persoas finalmente seleccionadas para asistir ao curso. Esta proba previa, dunha duración duns 30 minutos, determinará se a/o candidato solicitante posúe os coñecementos requiridos para acceder ao curso e permitirá configurar grupos o máis homoxéneos posibles en relación co seu nivel de coñecemento e perfil técnico. Os interesados poden consultar no portal do CNTG os criterios de selección.

Curso de administración avanzada de sistemas operativos Linux (LPI2)

Esta acción formativa consiste nun curso oficial Linux LPI que transmitirá aos asistentes coñecementos avanzados sobre configuración, posta en marcha, administración e mantemento de sistemas operativos Linux de alcance corporativo. Así ao rematar o curso deberán ser quen de configurar un servidor Linux conectado á rede interna ou Internet, e que preste á súa empresa os servizos esenciais relativos a correo electrónico, servizos web, redes privadas virtuais VPN, SSH, DNS, servidores de arquivos samba ou NFS con LVM e/ou RAID, etc.

Trátase dun curso presencial de 80 horas de duración que se impartirá de luns a venres dende o 25 de Xaneiro ata o 19 de febreiro. Haberá unha edición de mañá, en horario de 9:30 a 13:45, prioritaria para desempregados e outra edición de tarde de 16:30 a 20:30.

Está dirixido a profesionais TIC, preferentemente con perfil de administradores/as de sistemas, que desexen adquirir coñecementos avanzados sobre configuración, posta en marcha, administración e mantemento de sistemas operativos Linux de alcance corporativo. O óptimo aproveitamento do curso recomenda que os/as asistentes dispoñan de coñecementos medios e experiencia previa no manexo de sistemas operativos Linux a un nivel equivalente aos adquiridos mediante o curso de "administración de sistemas operativos Linux, LPI-1".

Aínda que o obxectivo desta acción formativa consiste en que o alumnado adquira as competencias necesarias para o desempeño dun posto de traballo, como valor engadido da formación, caso de que exista o debido aproveitamento do curso por parte do/da alumno/a, a acción formativa inclúe a realización de balde, e unha única vez, do exame de certificación 117-201, proba que terá lugar previsiblemente entre os días 29 a 31 do mes de marzo de 2016 nas instalacións do CNTG. Deste xeito, se a/o alumna/o supera esta proba, só lle restaría realizar a proba 117-202,para obter a acreditación LPIC2.

O prazo de inscrición estará aberto ata o día 4 de xaneiro de 2016. Para máis información ou para se inscribir no curso: https://cntg.xunta.es/web/cnt/formacion

Curso de desenvolvemento de aplicacións web con Angular.js

Esta acción formativa ten por obxectivo formar e capacitar ás/aos asistentes dende un punto de vista teórico e práctico no uso de Angular.

Trátase dun curso presencial de 40 horas de duración que se impartirá de luns a venres dende o 25 de Xaneiro ata o 05 de febreiro. Haberá unha edición de mañá, en horario de 9:30 a 13:30, prioritaria para desempregados e outra edición de tarde de 16:30 a 20:30, prioritaria para ocupados.

Angular é un framework de código aberto deseñado para solucionar moitos dos problemas atopados no desenvolvemento de single-page web applications. O seu obxectivo é simplificar os desenvolvementos e probas deste tipo de aplicacións, proporcionando un marco do lado cliente en arquitecturas MVC, xunto cos compoñentes máis utilizados en aplicacións de Internet. Este curso acompañará ao alumnado na creación dunha aplicación completa aplicando as características básicas e avanzadas de Angular.js . Tamén se fará especial énfase no uso de ferramentas de produtividade como Yeoman, Grunt e Bower.

Está dirixido a profesionais do eido da programación interesados no desenvolvemento de aplicacións web habilitadas para contornas de nova xeración. Para obter un óptimo aproveitamento e comprensión do curso os/as alumnos/as deben dispor de coñecementos sobre HTML, CSS e JavaScript.

O prazo de inscrición estará aberto ata o día 4 de xaneiro de 2016. Para máis información ou para se inscribir no curso: https://cntg.xunta.es/web/cnt/formacion

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal