PortalProgramas organiza un ano máis os Premios PortalProgramas ao Mellor software libre 2011, que van xa pola súa terceira edición. Estes premios queren recoñecer aos proxectos de software libre que máis teñen contribuído ao avance tecnolóxico durante este año. A motivación destes premios, segundo informan no propio portal, é servir de agradecemento aos esforzo e paixón da comunidade que hai detrás de cada proxecto de software libre, quen día a día adícalle o seu tempo e coñecemento.
Estes premios dende a súa segunda edición ceden o protagonismo aos propios usuarios dos proxectos, pois son quen mellor saben valoralos. Así son eles mesmos quen presentan, nunha primeira fase, os seus candidatos, que serán validados polos organizadores dos premios, comprobando que se axustan ás bases do concurso, e que posteriormente sométense a unha segunda fase de votación.
Este ano hai 8 categorías diferentes para as que os usuarios puideron presentar os seus proxectos candidatos ata o 1 de decembro: Software libre máis popular, Máis revolucionario, Maior potencial de crecemento, Esencial para a Web, Esencial para a tecnoloxía, Esencial para a comunicación, Esencial para redes de comunicación, Esencial para empresas.
Dende o 1 de decembro ata o próximo 20 de decembro é posible votar por calquera dos proxectos nominados: 74 para Windows, 82 para GNU/Linux, 39 para Mac e 9 para móbil. Cada un dos gañadores recibirá unha doazón de 200 euros ademais da difusión do proxecto para dalo a coñecer a máis usuarios, a excepción do gañador da categoría Software libre máis popular que non recibirá dotación económica e si unha Mención honorífica para valorar a súa importancia na divulgación do software libre.
A unha semana do prazo final para as votacións os 3 máis votados nas distintas categorías son:
- Software libre máis popular : Firefox, Ginp, EMule, …
- Máis revolucionario : Firefox, Android, LibreOffice, …
- Maior potencial de crecemento : Chamilo E-learning, JlistenToMe, GNOME, …
- Esencial para a Web : Apache, MySQL, Nginx, …
- Esencial para a tecnoloxía : GNU/Linux, Android, MySQL, …
- Esencial para a comunicación : Chamilo E-learning, Pidgin, Thunderbird, …
- Esencial para redes de comunicación :Nagios, Hyperic, Cacti, …
- Esencial para empresas : OpenKM, SugarCRM, Openbravo, …
Os gañadores finais daranse a coñecer o vindeiro 24 de xaneiro.
Estes premios son unha oportunidade para promocionar o desenvolvemento e o uso do software libre xa que con eles:
- Recoñécese a calidade de moitos proxectos o que lles axuda a mellorar a súa imaxe.
- Dáse motivación ás persoas que están traballando nos proxectos gañadores.
- Promociónanse decenas de proxectos, descoñecidos para moitos usuarios.
- Achégase o software libre aos usuarios transmitindo confianza nel grazas á gran calidade dos proxectos presentados.
