Mancomún

Galicia ascende ao posto número dous no Ranking de Universidades en Software Libre

Mércores, 15 Maio 2013
  • Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior compromiso pola difusión do software libre nas universidades
  • A UDC ocupa a terceira posición do Ranking de Universidades en Software Libre, a USC a sexta e a Uvigo a novena praza

PortalProgramas.com fai público hoxe o segundo Ranking de Universidades en Software Libre (RuSL, 2013) grazas ao que podemos coñecer cales son as universidades que máis difunden o software libre, en que aspectos destaca cada universidades así como cales son os factores que inflúen no seu uso.

Posición das universidades galegas no RUSL 13Unha vez máis é a Universidade de Granada quen lidera este clasificación seguida pola Universidade das Palmas de Gran Canaria en segunda posición e a Universidade da Coruña en terceira posición. As outras dúas universidades galegas ocupan tamén moi boas posicións, estando a Universidade de Santiago de Compostela no sexto posto e a Universidade de Vigo no noveno.

Esta escalada de postos das nosas universidades converten a Galicia na segunda comunidade autónoma con maior compromiso pola difusión do software libre nas universidades, fronte ao cuarto posto acadado o pasado ano.

Para levar a cabo esta clasificación, este ano empregáronse 67 criterios agrupados en 11 dimensións, fronte ás 37 variables en 7 dimensións empregadas o pasado ano, o que segundo os responsables deste estudo, permite ofrecer mellores e máis fiables resultados.

As 11 dimensións que se miden en cada universidade corresponden a Docencia, Cultura en Software Libre, Criterios Tecnolóxicos, Divulgación, Webmetría, Produción, Apoio Institucional, Axuda, Investigación, Colaboración externa e Administración se ben este último criterio emprégase para segmentar as universidades (metodoloxía). Contouse tamén coa colaboración dun grupo de expertos, ademais de Segundo Píriz, presidente da Sectorial CRUE-TIC, do Centro Nacional de referencia de Aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (Cenatic), e do Centro de Apoio Tecnolóxico a Emprendedores de Castela a Mancha.

Puntos fortes e febles de cada universidade

Este ranking amosa información sobre os puntos fortes e febles de cada universidade e a súa evolución respecto ao ano pasado para que as propias universidades poidan coñecelos, mellorar neses aspectos e colaborar entre elas.

No caso concreto dos puntos fortes das universidades galegas, destaca sen lugar a dúbidas o criterio de Axuda, no que ocupamos completamente o podium, coa USC en primeiro lugar, seguida pola UDC e pola Uvigo. Ademais, destaca tamén o segundo posto da UDC nos criterios de Divulgación e Apoio institucional; o primeiro posto da USC nos Criterios tecnolóxicos e finalmente e o sexto posto no criterio de Divulgación da Uvigo.

En canto aos puntos febles onde deberían prestar máis atención as nosas universidades son no Apoio institucional na Uvigo (posto 51) e na USC (posto 23) e na Cultura en Software Libre na UDC (posto15).

Destacar que aínda que os resultados son positivos e mellores respecto do ano pasado, aínda queda camiño por percorrer. Así atendendo ao Índice de Difusión do Software Libre das nosas universidades, que é un valor que indica o esforzo de cada universidade por difundir o software libre, en relación á que máis o difunde, a UDC ten un 60.63, a USC un 47.09 e a Uvigo un 31.99.

Así, na liña de continuar avanzando neste camiño, a Xunta de Galicia, a través da AMTEGA, mantén un ano máis o apoio á difusión do Software Libre no ámbito Universitario a través do Convenio de colaboración co CIXUG asinado recentemente no marco do Plan de Acción en materia de Software Libre 2013.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal