Como vos informamos anteriormente Granada acolle este ano a Conferencia Internacional de Software Libre 2012 (Open Source World Conference) durante os días 12 e 13 de xaneiro.
Ademais da OSWC, durante estes dous días celébranse, no marco do evento Máis Dixital, outra serie de foros tanto abertos ao público como de acceso restrinxido, que converterán a Granada no centro de referencia no ámbito da innovación, as novas tecnoloxías e o software libre. Segundo a nota de prensa distribuída pola organización, máis de 2000 persoas congregaranse no Palacio de Exposicións e Congresos da cidade andaluza para participar nestes eventos.
Trátase sen dúbida dunha excelente ocasión para divulgar as excelencias do sector do software libre galego, así como dos principais casos de éxito de uso e desenvolvemento de software libre en Galicia.
Así, un ano máis, a Xunta de Galicia estará presente nesta conferencia internacional de software libre, organizada pola Junta de Andalucía, a Junta de Extremadura e CENATIC, tanto participando en diversas mesas e sesións da axenda da conferencia como aproveitando a ocasión para manter contactos e relación cos expertos en software libre que se achegarán estes días a Granada.
As exposicións virán da man de:
-
Adrián Lence Paz, Subdirector Xeral de Infraestruturas e Telecomunicacións da SXMIT participará na mesa de “Estratexia en materia de software libre nas AAPP”, moderada por Adolfo Borrero, Presidente de ETICOM, na que exporá a estratexia de promoción do software libre da Xunta de Galicia a través do Plan de Acción FLOSS. Compartirá mesa con Juan María González, Secretario General de Innovación y Sociedad de la Información. Consejería de Economía, Innovación y Ciencia. Junta de Andalucía , Teodomiro Cayetano, Director General de Administración Electrónica y Evaluación de la Junta de Extremadura. Francisco García Morán, Director General de Informática. Comisión Europea, Serafín Olcoz, Gobierno de Euskadi e a Generalitat Valenciana .
-
Pablo Nimo, Asesor educativo na Consellería de Educación da Xunta de Galicia, participará na mesa de Implantacións de Software Libre nas AAPP: Casos de éxito, moderada por Alejandro Hernandez Rener, Director General de Innovación y Modernización Tecnológica da Junta de Extremadura, na que fará unha presentación do proxecto ABALAR, a través do que se está a converter as aulas tradicionais en dixitais empregado exclusivamente software libre nos ordenadores que se están a distribuír entre profesores e alumnos. Comparte mesa con Rosario Gonzalez Gomez (ERIS-G3), da Consejería de Hacienda y Administración Pública. Junta de Andalucía, Alberto Cabrera, Vodafone, Martín García, Generalitat Valenciana e Álvaro Zabala (SIG Corporativo), da Consejería de Economía, Innovación y Ciencia. Junta de Andalucia
-
Xavi Castaño, socio fundador de Igalia, participará na sesión empresas: Presentación de produtos e servizos, na que fará unha presentación de LibrePlan, anteriormente coñecido con Navalplan, ferramenta web de planificación de proxectos da que vos falamos recentemente. Comparte mesa con Emergya que falará de Escritorios virtualizados dende a nube (VDI), NEAR, Liferay, Guadaltel, Telvent e Open Xindex Evolution
A axenda do evento complétase con outras mesas e sesións tamén moi interesantes como OpenData, unha oportunidade para a competitividade e o negocio; Software libre e o marco legal; Software libre na universidade; Estado do Software Libre en España; Estratexia en materia de Software Libre en Lationamérica …
Ademais, no marco do evento Máis Dixital, como comentamos anteriormente, celébranse outros eventos, entre os que destacamos os seguintes, abertos ao público previa inscrición:
-
Día W3C en España, organizado pola W3C en España e a Fundación CTIC, que xira en torno á Plataforma web aberta.
-
ISA Workshop – "Administracións Públicas Europeas e Software Libre: o poder da Comunidade. O programa ISA (Solucións de Interoperabilidade para as administracióna públicas europeas) da Comisión Europea, organiza unha xornada sobre as oportunidades e retos das AAPP que traballan coa comunidade de desenvolvedores de software libre, na que se amosarán casos de éxito de administración europeas.
-
Round Table IWEEE Unconference: “Commitment”. Conferencia internacional sobre e-Saúde en Economías Emerxentes, onde tratarán temas como o estado do software libre no sector sanitario, o nivel de adopción dos gobernos en e-saúde e a necesidade de estándares libres na informática médica.
Tendo presente o nivel desta conferencia, e a congregación de importantes expertos en materia de software libre tanto a nivel empresarial como a nivel de administracións públicas, a Oficina de Coordinación FLOSS da Xunta de Galicia estará tamén presente para aproveitar esta ocasión para conversar e intercambiar ideas co resto de axentes floss nacionais e internacionais que permitan sentar os alicerces para proxectos de colaboración futuros que contribúan a acadar o obxectivo de fomentar o uso do software libre en Galicia.
