Mancomún

Galite ultima os detalles para a PartyFoz 2009

Luns, 13 Xullo 2009

PartyFoz 2009O Concello de Foz acollerá un ano máis o maratón informático PartyFoz que, organizado por Galite (Grupo Asociado pola Libre Información e Tecnoloxía) en colaboración co goberno local, se celebrará os días 14, 15 e 16 de agosto. Os interesados en participar deberán formalizar a súa inscrición a partir do vindeiro mércores 15 de xullo.

Para esta quinta edición do encontro prevese un aforo de cen persoas. Poderán participar de todas as actividades programadas para a ocasión. Entre elas os torneos de Counter Strike, Guitar Hero, Stepmanía, Pro Evolution Soccer…

Nun aspecto máis teórico, está previsto que se impartan (á espera de confirmación) as charlas “Deseño con Inkscape”, “O Proxecto CCRadio” e “ O Proxecto Galinux”. En relación a esta última, Mancomún colaborará coa iniciativa achegando para todos os asistentes exemplares  deste sistema operativo libre e en galego, desenvolvido por Mancomún.
Os organizadores de PartyFoz 2009 tamén aseguran que este “podería ser o lugar de reunión da futura delegación do Partido Pirata Español en Galicia”.

As persoas que desexen colaborar no desenvolvemento de PartyFoz 2009 deberán acceder aos foros de Galite, onde se están a debater e consensuar todas as decisións.

Fonte: PartyFoz 2009

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal